Ana Isabel Filgueiras Espasandín, con DI XXXXXXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, EXPON:
En data 19 de Xaneiro de 2024 esta sección sindical rexistrou un escrito solicitando información ao Concello da Coruña sobre as asignacións de funcións nos postos de Xefatura de Servizo e/ou Departamento que estaban ocupados temporalmente mediante comisións de servizo ata o cese nas mesmas derivado das tomas de posesión da primeira fase do concurso 1/19.
Con data 22 de febreiro esta sección sindical recibe un escrito do concello da coruña que indica:
“Recibida a súa solicitude de información sobre as asignacións de funcións que se están a realizar no Concello da Coruña. Habendo recibido unha solicitude con idéntico contido da Xunta de Persoal.
Informáselle que con data do 21/02/2024, deuse resposta á solicitude presentada pola Xunta de persoal, coa información das asignacións temporais de funcións existentes no Concello da Coruña.”
No informe remitido á xunta de persoal en canto á información sobre asignación de funcións dase conta dunha serie de asignacións de funcións da área de interior motivadas exclusivamente polas obrigas municipais dos procesos electorais convocados no ano 2024.Concretamente faise referencia ás eleccións autonómicas do pasado 18 de febreiro e ás próximas eleccións europeas do día 9 de xuño.
Entre as funcións asignadas e relatadas neste informe figuran varias da Xefatura de Servizo de Atención Cidadá e Interior de carácter xeral do posto que nada teñen que ver coa motivación dos procesos electorais mencionados, concretamente:
“3.c. Aquelas outras en materia de persoal que requira o Servizo en tanto en cuanto non se cubra a dita Xefatura.
3.d. Planificar o traballo dos órganos que dependan do Servizo relacionados coa celebración das eleccións e coas materias de Padrón, Conserxería e Rexistro.
3.e. Propor no seu caso, a redistribución das tarefas entre o persoal do Servizo e as atribucións aos postos.
3.f. Controlar o traballo dos órganos adscritos ao servizo, os resultados obtidos e o grado de cumprimento dos obxectivos fixados, nas materias xerais e as sinaladas nos parágrafos anteriores.
3.g. Autorizar os actos de xestión e os documentos que se expidan.
3.h. Iniciar as propostas de gasto para a adquisición de bens o servizos que precisen as unidades do Servizo ou o refrendo das propostas que inicien as xefaturas dos órganos adscritos.”
O artigo 37.2 da Lei 2/2015 de 29 de abril de emprego público de Galicia establece que os órganos dos que dependan os empregados públicos poden asignar aos mesmos con carácter temporal, polo tempo imprescindible e , en todo caso, por un período máximo de seis meses, funcións, tarefas ou responsabilidades distintas ás correspondentes ao posto de traballo que desempeñen, sempre que resulten adecuadas á sua clasificación, categoría e grao, e sempre e cando as necesidades do servizo o xustifiquen.
POLO EXPOSTO, SOLICITO:
- Se conteste por escrito a solicitude efectuada pola Sección Sindical da CIG en data 19 de Xaneiro de 2024.
- Con respecto ao informe remitido á Xunta de Persoal do Concello da Coruña se deixen sin efecto as asignacións de funcións da Xefatura de Servizo de atención Cidadá e Interior citadas nos punto 3 apartados c,d,f, g e h xa que non gardan relación ningunha coa motivación dada polo concello da coruña de “… cumprir as obrigas municipais derivadas dos procesos electorais convocadas no ano 2024” , non están motivadas e non se xustifican neste informe as necesidades do servizo establecidas no artigo 37.2 da Lei de Emprego Público de Galicia.
- Se deixen sin efecto as asignacións de funcións restantes a partir da data de finalización do proceso electoral das eleccións autonómicas e, de ser necesario, se volvan a efectuar para o proceso electoral das futuras eleccións europeas do próximo 9 de Xuño xa que non se pode xustificar o mantemento destas asignacións de funcións entre dous períodos electorais entre os que transcurren mais de tres meses xa que tal como establece o artigo 37.2 da Lei de emprego público de Galicia estas asignacións temporais de funcións deben limitarse ao tempo imprescindible.
A Coruña a 6 de marzo de 2024