1.- APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR
Non se pode proceder a aprobación da acta xa que foi enviada horas antes do inicio da mesa de negociación, sen marxe para poder facer un estudio e análise. Nunha rápida lectura aprécianse erros que fan imposible a súa aprobación, como por exemplo, que di que o presidente da mesa (o señor Concelleiro) procede a levantar a mesma na súa finalización. Hai que recordar que o señor Lage ausentouse na mesa xusto no momento en que daba comezo a rolda de intervencións. Ou que cando fala de dar conta da aprobación do regulamento de licenzas, permisos e vacacións se recolla que se aproba por unanimidade, isto xa fora aprobado no seu día, era un punto so informativo. Adíase a aprobación da acta á seguinte mesa xeral de negociación e trasládasenos que tentarán enviar as actas con máis antelación.
2.- MODIFICACIÓN INSTRUCCIÓN LISTAS DE AGARDA
Achégase unha proposta consensuada na última Comisión de seguimento das listas de agarda, mais bótase en falta un punto que tamén foi consensuado con todas as seccións sindicais, que é o relativo aos traballadores que están contratados a tempo parcial, para que poidan ser tidos en conta para posibles melloras de emprego, xa que era algo que a actual instrución non contemplaba tal e como estaba redactado.
O xefe de servizo de persoal manifesta que non considerou que esa proposta fose acordada e que por iso non se incluíu. O concelleiro comprométese a que se convocará á maior brevidade posible de novo a Comisión de Seguimento das Listaxes de a garda para acordar esta modificación e trasladala de novo á seguinte Mesa Xeral de Negociación para a súa aprobación. Acórdase á aprobación da proposta de modificación que achegan hoxe.
3.- BASES PROCESOS SELECTIVOS E PROMOCIÓN INTERNA
O concelleiro da conta do anuncio inmediato de varios procesos de promoción interna demandados dende hai tempo. As convocatorias sairán ao longo deste mes de xullo, e que a intención é que estean finalizados antes do remate de ano:
- 121 prazas de administración xeral (c2 a c1)
- 91 prazas de bombeiros (c2 a c1)
- 8 prazas de subalternos a c1
4.- INSTRUCCIÓN DE VACACIÓNS, LICENZAS E PERMISOS
O señor concelleiro da conta de que a súa publicación será inminente no BOP nos vindeiros días.
En realidade comprobamos que a publicación foi xusto ao día seguinte da MXN e que A Voz de Galicia, unha vez mais e sen que nos sorprenda, fai unha publicación totalmente tendenciosa cunha finalidade máis que cuestionable. O señor concelleiro falou durante a MXN de iniciar procesos de diálogo social e negociación "sen pistolas" enriba da mesa e sen obxectivos ocultos. Xulgade por vos mesmos quen está incumprindo esta vontade.
Esta sección sindical considera que a nova da Voz de Galicia non contribúe a favorecer ese "bo clima" ao que o señor concelleiro dedicou máis dunha hora de discurso na súa intervención durante a MXN.
5.- DIÁLOGO SOCIAL
O señor concelleiro solicita que as distintas seccións sindicais expresen as súas propostas e prioridades e que en base a iso o goberno municipal formulará unha proposta.
CSIF: remite aos puntos que se consensuaron na Xunta de Persoal. O señor concelleiro quere que cada sindicato exprese os seus particulares nesta mesa. Os asuntos e prioridades da CSIF son:
- Carreira Horizontal: polo menos o referido ao regulamento da mesma, entendendo que os prazos para executala van depender da situación económica.
- Nova RPT
- Modificación das actuais normas de xestión mentres non se elabore a nova RPT
UGT
- Tele traballo
-Nova RPT: considera que é necesario facelo antes que a carreira profesional
- Plan de Pensións
CIG: sinalamos que as propostas e prioridades desta sección sindical son as que afecten e beneficien ao maior número de empregados/as. Polo tanto a nosa proposta é:
- RPT
- Carreira Profesional
- Novo regulamento das axudas de fondo social para empregados do concello
- Regulamento do Tele traballo
CCOO
- Nova RPT e VPT
- Carreira profesional
- Tele traballo
- Estabilización do persoal temporal
Escoitadas todas estas propostas o señor Concelleiro comeza un discurso de máis dunha hora no que adianta unha situación económica moi dificultosa e na que avanza, unha vez máis, que debido a isto moitas melloras para os empregados municipais non poderán ser levadas ao cabo, falou tamén de que a falla de persoal non se resolvía cos procesos de estabilización ao que A CIG recórdalle que algúns sindicatos e o Goberno do Estado acaban de asinar un acordo no que se mantén a taxa de reposición e que os empregados públicos non poden estar pagando permanente as crises económicas. Ao respecto das propostas que fixeron as distintas seccións sindicais, resume:
- Comezo do expediente administrativo para a elaboración dunha nova RPT: anuncia que no día de hoxe da comezo a tramitación.
- Proposta de concursos: o señor concelleiro fai a proposta de que se celebren entre o terceiro e cuarto ano dende que se teña feito o anterior. Hai que recordar que isto non se corresponde co establecido no acordo marco, que falaba de celebración de concursos cada 18 meses.
- Proposta do regulamento das axudas de fondo social para o persoal do concello: parécelle boa esta proposta e non ve inconvenientes para retomar de novo este traballo.
- Proposta do regulamento do tele traballo: móstrase a favor. Dende o servizo de persoal xa enviaran unha proposta de regulamento que estaba pendente de traballarse, mais o concelleiro anuncia que remitira una nova proposta.
- Proposta para retomar as aportacións ao plan de pensións: dálle o visto e prace.
A proposta para o diálogo social que fai o señor concelleiro resúmese en establecer o traballo e negociación colectiva en dous planos:
- Plano regulamentario: que se traballará a través de mesas técnicas de diferentes temáticas (regulamento das axudas de fondos social, tele traballo, normas de xestión....) e que unha vez que se consensúe o traballo destas mesas daráselle traslado de eses asuntos á MXN para a súa aprobación
- Plano económico: negociacións amplas con efectos económicos nas que se tratará, entre outras cuestións: RPT e VPT, carreira horizontal......
Ao respecto dos procesos de estabilización o señor Concelleiro anuncia unha nova intención, que é que de aquí ao final do seu mandato se convoquen o 80% das prazas ofertadas tanto de promoción interna, libre e estabilización.
A CIG neste punto solicita que os procesos relativos á estabilización sexan os últimos en executarse, tendo en conta que ante a modificación do EBEP e ao considerar que non se axusta aos ditames europeos no que se refire á sanción polo abuso, é posible que se presenten recursos. Ademais, executar estas prazas de forma rápida pode dar lugar a que se incorporen a estes postos persoas sen experiencia que incidirían sobre os problemas que están causando a falta de persoal. O señor concelleiro di que o Goberno si vai convocar estes postos, mais concorda en que non teñen por que ser os primeiros en convocarse. Empraza a que primeiro hai que negociar a transposición do novo Real Decreto.
O señor concelleiro empraza ás seccións sindicais ao 14 de setembro para iniciar este proceso de negociación no que proporá un calendario de traballo.
6.- ROLDA DE INTERVENCIÓNS
CC.OO: solicita que tamén se faga un calendario para os procesos de selección. Pregunta pola falta de oferta de prazas de subalternos e preguntan se pode responder a un intento de privatización. O goberno di que non, que non hai ningunha intención de privatizar.
CIG: Propoñemos non esperar ao 14 de setembro para iniciar o proceso de diálogo social e ofrecemonos para comezar de xeito inmediato.
Ao respecto da elaboración da nova RPT, somos conscientes de que non é doado nun concello cas dimensións do da Coruña, sobre todo se hai vontade de agrupar ou de singularizar postos. Recordámoslle ao señor concelleiro que ten un compromiso de negociar o método de valoración e que non vai ser imposto pola empresa
CSIF: pregunta por prazos concretos para a licitación da elaboración da nova RPT. O concelleiro da como referencia os prazos actuais: expedientes que se iniciaron no mes de maio-abril, estanse resolvendo na mesa de contratación deste mes de xullo. A CSIF fai mención ao chamamento para a concentración de persoal municipal que teñen convocada para mañá, e manifestan que a pesar da vontade amosada hoxe para a negociación, van a mantela.
UGT: solicita que o concelleiro inclúa do plano regulamentario da negociación o relativo á reactivación das aportacións ao plan de pensións. O goberno di que formará parte da negociación global, pero no como algo prioritario. Solicita de novo a prioridade do tele traballo.