A orde do día dos asuntos a tratar nesta MXN foron os seguintes:

  

  1. Aprobación da acta da MXN anterior.

 

A CIG propuxo adiar a aprobación desta acta xa que tiñamos puntualizacións ao respecto que ofrecimos a enviar por correo posteriormente e sometela á sua aprobación na seguinte MXN. O Goberno Municipal non aceptou esta proposta e procedeu á aprobación da acta cos votos a favor das demais seccións sindicais.

 

  1. Aprobación da implantación do réxime transitorio da carreira profesional horizontal

 

Como xa saberedes, a implantación da carreira horizontal foi aprobado. O que non sabedes, é que este foi aprobado coa votación a favor das seccións sindicais UGT, CCOO e CSIF e coa ABSTENCIÓN da CIG. Procedemos a explicarvos o desenvolvemento da negociación e o por qué da nosa decisión.

 

Esta negociación non comezou e finalizou o pasado 31 de marzo. Nin tan sequera comezou hai varios meses cando comezaron os traballos a través de mesas técnicas. Tampouco comezou hai dous anos, coas mobilizacións doutras seccións sindicais que abandonaron sen conseguir o obxectivo da carreira profesional....

 

Esta negociación comezou no 2014, momento no que a CIG solicita por primeira vez negociar a implantación do sistema de Carreira Profesional. Non se atendeu a este requerimento por parte do entonces Goberno Municipal, nin conseguiu tampouco a consideración por parte das demais seccións sindicais, por estar naquel momento negociándose outras modificacións da RPT que afectaban so a un determinado colectivo de traballadores deste concello.

No 2018, conseguimos de novo levar a proposta dun sistema de carreira profesional, chegando incluso a unificar esta proposta co resto de seccións sindicais, tomando como referencia o sistema que do Concello de Santiago de Compostela. Novamente, esta proposta foi desbotada a cambio de acordos de beneficio para unha parte do persoal do concello da Coruña.

Dende entón, a postura da CIG sempre ten sido a de implantar melloras e progresións para TODO O PERSOAL MUNICIPAL, e sempre tentamos que as negociacións tiveran un foco: unha nova valoración de postos de traballos e a implantación dun sistema de carreira profesional, e partir de ahí, a atención das singularidades e problemáticas específicas.

É por este motivo, que cando hai varios meses xorde de novo a posiblidade de ter unha proposta conxunta e unificada co resto das seccións sindicais, tentamos novamente esta proposta de traballo, e conseguimos consensuar unha proposta económica baseada esta vez no Concello de Ferrol. A medida que fomos avanzado nun duro traballo de mesas técnicas, fomos percibindo que o Goberno Municipal mantiña unha idea clara nunha implantación a moitos anos, que para nos, era inaceptable, pero que para os demais, non parecía selo.

E deste xeito, o pasado venres chegamos a unha proposta económica global que cumpría as nosas demandas, pero cunha proposta de implantación a 6 anos que facía que a CIG non puidera estar de acordo. Porque, despois deste relato a realidade é que para o 2028, levaremos esperando xa 14 anos pola carreira profesional, e polo tanto perdendo dereitos e cartos dende entón.

Os sistemas de implantación de carreira que van tendo lugar ao longo do país, demostran que os plazos soen estar en 2 anos (o persoal ao servizo da UDC), 3 anos (acaba de aprobarse o sistema de implantación no Concello de Ribeira), a Xunta de Galicia tamén o regulou en tres anos, o SERGAS en 2 anos... Polo tanto, a implantación neste Concello nun prazo de 6 anos so pode supoñer un éxito por parte do Concelleiro Lage Tuñas, e non para os traballadores.

No transcurso da negociación do pasado venres, e ante a postura totalmente intransixente de non querer mover nin unha coma da proposta do goberno municipal que o señor concelleiro tivo, as catro seccións sindicais decidimos solicitar un receso na MXN para poder retirarnos e debatir conxuntamente a postura dos sindicatos.

Neste receso valoramos diferentes posibilidades de resposta, e a CIG propuxo a posibilidade de que todas as seccións sindicais nos abstiveramos para forzar un cambio de postura do goberno municipal ou que recaera nel a responsabilidade de aprobar unilateralmente a proposta ou retirala da mesa pero esta posibilidade non foi apoiada polo resto das seccións sindicais. O que poderíamos ter conseguido forma parte xa doutra historia que nunca coñeceremos, pero a CIG cre que a loita e unidade neste sentido tivera dado frutos.

É por todo isto, que a CIG decidiu absterse na votación da implantación deste sistema.

En definitiva, a implantación do réxime transitorio da carreira profesional horizontal en termos económicos queda nos mesmos que vos trasladamos na última información LIGAZÓN e implantarase nas seguintes porcentaxes e anualidades:

- 2023: 20%

- 2024: 25%

- 2025: 40 %

- 2026: 65%

- 2027: 85%

- 2028: 100%

 

3-Modificación das bases xerais dos procesos selectivos.

 

Aprobouse a modificación das bases xerais sin ter en conta as alegacións plantexadas na mesa pola CIG  agás a subsanación dun erro de redacción.

 

4-Plan de Formación 2023.

 

Aprobouse o plan de Formación para o ano 2023 por unanimidade, despois de que se aceptara a proposta da CIG de eliminar a autorización das xefaturas de servizo para a solicitude dos cursos do plan de formación municipal, que será sustituída por unha comunicación .

 

5- Oferta de Emprego Público para o ano 2023.

 

 A aprobación de OPE para o ano 2023 quedou pendente de aprobación xa que so nos proporcionaron os datos do total de prazas ofertadas( 85 de quenda libre, 46 de promoción interna), pero non aportaron datos mais específicos da distribución das mesmas.

 

Informousenos da intención de convocar un novo proceso de promoción interna para todas aquelas persoas que non acadaron praza na última convocatoria de promoción do grupo C2 a C1.

 

6-Dación de conta da modificación da xestión dos partes de IT, a raíz da entrada en vigor do Real Decreto 1060/2022, de 27 de decembro.

 

Informousenos de que a raíz da entrada en vigor do Real Decreto 625/2014 de 18 de xullo a partir do 1 de abril será o Instituto Nacional da Seguridade Social o encargado de remitir ao concello os partes médicoss de baixa, conformación e alta. Continuará sendo obrigatorio para o persoal municipal informar ao seu servizo a través dunha chamada telefónica do inicio da situación de incapacidade temporal.

 

 

7- Rolda de Intervencións.

 

 Solicitamos que constase en acta que o acordo do rexime transitorio da carreira profesional é de aplicación tamén ao persoal do IMCE e do Consorcio de Turismo.

Fixemos constar tamén que si non se nos facilitan por escrito esta semana os datos das medicións de gas radón no pazo municipal de Maria Pita que solicitamos por rexistro, a próxima semana presentaremos un escrito na Inspección de Traballo.