RESUMO M.X.N DE 2 DE AGOSTO DE 2024

ORDE DO DÍA:

1-APROBACIÓN DA ACTA DA MXN CELEBRADA O 27/05/2024

2-PROPOSTA DE MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RPT

3-DACIÓN DE CONTA DO ESTADO E PREVISIÓN DO DESENVOLVEMENTO DOS PROCESOS SELECTIVOS DE ESTABILIZACIÓN PENDENTES

4- DACIÓN DE CONTA DAS SESIÓNS DESENVOLVIDAS DAS DIFERENTES MESAS TÉCNICAS

5- CALENDARIO DAS MESAS XERAIS DE NEGOCIACIÓN PARA O ÚLTIMO CUADRIMESTRE DO 2024.

6-ROGOS E PREGUNTAS

PROPOSTA DE MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RPT

Do mesmo xeito que na modificación puntual da RPT  de agosto de 2023, o que se nos dixo que sería unha simple adaptación da RPT  á nova estructura organizativa e unha corrección de erros, convírtese en moito mais que eso coa creación de  novos postos de traballo  e dun  novo servizo denominado Planificación Urbana e Proxectos Estratéxicos, área íntegramente controlada polo señor concelleiro Lage Tuñas.

O mércores 31 de xullo nunha mesa técnica de elaboración da RPT (dous días antes da MXN) o goberno municipal argumentou que tiñamos unha  RPT  sobredimensionada e que habería que correxilo durante o proceso de elaboración da nova RPT . Porén, o venres 2 de agosto, na MXN o señor Lage preséntanos outra modificación puntual coa creación dun bo número de postos novos e un novo servizo.

Nesta modificación puntual créanse duas novas xefaturas de departamento e, de novo, abertas  a ser ocupadas por persoal de calquera administración pública coartando a carreira profesional do persoal municipal. No documento que se nos achega, xa nin se molestan en xustificar e motivar a apertura destas xefaturas de departamento a outras administración, nin tampouco a motivación da creación dunha nova xefatura de servizo por libre designación.

Dende a nosa sección sindical mostramos a nosa disconformidade con esta modificación puntual pola inxente creación de novos postos de traballo  e pola apertura das novas xefaturas de departamento a persoal doutras administración, esto último foi tamén argumentado por tres das catro seccións sindicais presentes na MXN (CIG, UGT e CCOO). Ante os argumentos dados por estas tres seccións sindicais o señor Lage evitou dar ningún tipo de explicación nin capacidade de negociación deste asunto que, evidentemente, non contou coa aprobación da maioría da representación sindical. Unha vez máis, o señor Lage Tuñas demostra que o ámbito da negociación para el é tan so un requisito formal e legal que ten que cumprir, pero sen capacidade de chegar a acordos nin amosar unha capacidade real de negociación.

Esta modificación inclúe tamén a modificación do sistema de provisión,  dos seguintes postos do SEIS: cabo, sarxento, suboficial, oficial técnico, oficial e inspector que pasarían  a cubrirse por concurso específico. Auméntase tamén a dotación nun posto de oficial operativo.

Ao tempo que falabamos da calendarización das negociacións para a elaboración dunha nova RPT, trasladasenos unha nova modificación “puntual” reorganizativa que, ao noso entender,  dista moito de selo e ademáis, carente da motivación necesaria.

Por si non fora suficiente con todo isto, o mesmo día da mesa de negociación, ás 15:00 horas,  con total premeditación e alevosía,  sacan unha nova convocatoria de nada menos que 24 postos para a súa cobertura en comisión de servizos en pleno mes de agosto (e cunha parte imporante do persoal de vacacións), incluíndo  incluso a convocatoria dalgún posto que chegou a ser anulado por sentenza do TSXG gañada pola CIG e mesmo xefaturas de servizo.

Por todo isto, a sección sindical da CIG vese na obriga de seguir dando conta ante o xulgado competente na investigación do que, entendemos, é unha forma de xestión do persoal de este concello irregular e que non se axusta a dereito, así como a interpoñer os correspondentes recursos na defensa dos vosos intereses.

Asistimos a un suma e sigue auténticamente descontrolado na política  de recursos humanos deste Concello que está superando todos os límites imaxinables, sendo a nosa sección sindical a única que fai fronte a este sistema de provisión de postos a base de comisións de servizo e dilacións nos concursos.

 

DACIÓN DE CONTA DO ESTADO E PREVISIÓN DO DESENVOLVEMENTO DOS PROCESOS SELECTIVOS DE ESTABILIZACIÓN PENDENTES

Informóusenos do estado de tramitación dos procesos selectivos de estabilización pendentes: dos procesos que se densevolven por concurso estarían finalizados 18 procesos, 7 pendentes do nomeamento e toma de posesión e 2 en trámite. Dos procesos que se desenvolven por concurso-oposición estaría publicacada a data de exame en  2 procesos e 8 pendentes da publicación da data do exame.

DACIÓN DE CONTA DAS SESIÓNS DESENVOLVIDAS DAS DIFERENTES MESAS TÉCNICAS

Fíxose un resumo das mesas técnicas desenvolvidas ata a data referidas a bases de concurso ordinario e específico, calendario de elaboración da nova RPT e mesa técnica de conserxes de colexio.

Ao respecto das mesas técnicas de negociación das novas bases do concurso, e tal e como xa lles trasladou na mesa técnica, a Xunta de Persoal non vai facer ninguna proposta ao entender que non dispoñemos da información precisa e clara por parte do Goberno Municipal. Ao chegar a este punto, o señor concelleiro insinua que o Goberno Municipal non é preciso e claro por “peticións” sindicais que lle fan ao respecto de persoas concretas e postos concretos. A CIG contéstalle de xeito contundente que o que este sindicato negocia son criterios obxectivos para un novo concurso, non nomes. E que si esa é a maneira de proceder doutras centras sindicais deberán ser estas as que den contas. A sección sindical de CCOO apoia esta consideración.

Faltarían por desenvolverse a mesa de cemiterios e a de bibliotecas. Informouse tamén da intención de desenvolver unha mesa técnica de mercados.

No tema da mesa técnica de bibliotecas informóusenos de que se vai aplazar ata a unificación da rede de bibliotecas que se fará mediante a modificación da RPT, aprobación das bases dos procesos selectivos e desenvolvemento do proceso selectivo.

CALENDARIO DAS MESAS XERAIS DE NEGOCIACIÓN PARA O ÚLTIMO CUADRIMESTRE DO 2024.

Informousenos de que se intentaría facer unha mesa xeral de negociación con carácter mensual.

ROGOS E PREGUNTAS

Dende  a nosa sección sindical solicitouse que se publicara no BOP  o texto completo da RPT que inclúa todas as modificacións puntuais para faciltar a sua consulta, contestaron que publicarán un refundido ao completo da RPT con todas as modificacións puntuais.

O sr. Concelleiro   informounos dunha nova data para ter rematada a nova RPT, antes da primaveira do ano 2026.

Comunicouse ao goberno municipal os problemas xurdidos no servizo de mercados polos cambios continuos nos horarios dos conserxes municipais nos últimos meses.