1.- APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR

Hai varias actas pendentes de aprobación. Explican que están redactándoas e que as enviarán todas xuntas por correo electrónico para a súa revisión e sinatura a vindeira semana.

2.- APROBACIÓN RPT

Informan de que o prazo para as alegacións para a aprobación definitiva da RPT amplíase ao 4 de xuño debido a problemas derivados da aplicación informática. Nese momento a CIG menciona a solicitude que rexistrou no día de onte sobre á aplicación da sentenza que gañou outro sindicato en relación ao recoñecemento do complemento de Atención ao Público (AP1), na que solicitamos que se aplique o dito complemento a unha serie de postos. (LIGAZÓN) NOTA: Debido a solicitudes recibidas por correo electrónico engadimos outros postos a listaxe rexistrada na propia MXN.

A concelleira di que en todo caso,  habería que solicitar ao xulgado unha extensión dos efectos da sentenza, e que non procede a aplicación xa que a demanda interposta polo sindicato xa contemplaba a concesión dese complemento a eses postos e que non foi estimada na sentenza, que o limita a dous postos: auxiliar de estación de autobuses e psicólogo clínico. Na revisión que a CIG fixo da sentenza non é certo que se pedise este complemento para os postos que reclamamos.

A concelleira remite a que a valoración dese complemento deberá facerse nunha nova valoración de postos de traballo. A CIG pregunta o porqué da decisión do Goberno Municipal de non ter recurrido a sentenza, tal e como acostuma a facer co resto de cuestións xudiciais en materia de persoal, a concelleira traslada esta  responsabilidade: “ás estratexias do departamento de Asesoría Xurídica”.

O sindicato demandante, solicita que se recoñeza tamén o dito complemento de Atención ao Público ao posto de Oficial de Estación de Autobuses, ou do contrario deberá deixar de facer a atención. De igual xeito que chama a atención que o Concello non recurrise este fallo e aceptase a cuestión, non deixa de sorprender que este sindicato demandante tampouco recorrese o fallo e aceptara a firmeza da sentenza, cando é evidente que consideran que non satisface as súas pretensións (solicitan o recoñecemento de diversos complementos para mais de 15 postos, mais aceptaron o recoñecemento dun único complemento para tan so dous postos concretos).

3.- PLANIFICACIÓN DA SEGUNDA FASE DO CONCURSO DE TRASLADOS (C1, A2, A1)

Unha semana máis, plantexan un novo cambio de criterios no tócante ao requisito de incluír ou non memoria nos méritos específicos. Despois de ter acordado a semana pasada eliminar a Memoria do concurso, proponse que sí deberán presentar memoria os postos de xefatura/dirección/coordinación  a partir do nivel 24 e en todo caso para os postos a partir do nivel 26.  Dada a improvisación e falta de criterio constante nesta cuestión, a CIG abstívose nesta cuestión mentres que o resto dos sindicatos aceptan a proposta.

Múdase tamén o relativo á formación considerada básica e obrigatoria, e polo tanto, non puntuable,  en materia de igualdade e riscos laborais. Propoñen que nesta fase de concurso considérese “formación básica” a aprobada recentemente no Plan de Formación, que será de 8 horas. Polo tanto, a formación que exceda desa duración, sí se terá en conta e puntuará. Un novo cambio de criterio con respecto aos aprobados para a primeira fase do concurso.

  1. ROLDA DE INTERVENCIÓNS

Ante a petición dalgún sindicato na previsión de prazos para resolver o concurso en todas as súas fases, a concelleira escúdase en que xa non dependerá dela se non da nova persoa que ocupe a concellería, mais que segundo a previsión que ela barallou, non debería de exceder do final de ano.

Dende a CIG solicitamos a remisión do Plan de Formación unha vez tidas en conta as modificacións acordadas na Mesa de Formación. Quedan en remitila de xeito inmediato.

A Mesa Xeral de Negociación foise alongando  nos días  22, 25,  29 de marzo,  5,  23, 25 abril e o 14 de maio, como resulta complicado un resumo detallado do acontecido en 7 días de negociación no que o asunto prioritario foi o acordo marco...

DEFINAMOS ACORDO MARCO

O que denominaron como, ACORDO MARCO, por máis que nolo queiran vender, non é máis que un DOCUMENTO CUNHA DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS de todos os ASUNTOS QUE TERÁN QUE SER NEGOCIADOS OBRIGATORIAMENTE para que teñan validez xurídica. A este DOCUMENTO non existen prazos para alegacións ou recursos. Algúns dos asuntos que nel se recollen poderían ser rematados sen mais mediante unha resolución, como poden ser o da xornada de verán ou o día de santa Rita  

DOCUMENTO ESCUDO DO GM E SINDICATOS ANTE AS CRÍTICAS RECIBIDAS

O Goberno da Marea estivo xogando co persoal case todo o mandato para rematar  cun  DOCUMENTO ESCUDO que se apresuraron a asinar un día antes do inicio da CAMPAÑA SINDICAL. Supoñemos que para agachar tanto a inoperancia do goberno municipal como a submisión do sindicalismo amarelo durante toda esta lexislatura.

O ACORDO MARCO vs ACORDOS VÁLIDOS

Respecto ao ACORDO MARCO, a CIG estivo de acordo na maioría dos temas que nel se falaron, debatendo e facendo achegas como a inclusión do tele-traballo que non estaba no documento inicial. Todos e cada un dos asuntos foron solicitados previamente para a súa concreción en ACORDOS VÁLIDOS en MXN, como foi o acadado para Bombeiros. Recordámosvos que foi a CIG quen reclamou, de forma reiterada, que se asinara o acordo acadado cos Bombeiros, cousa que a concelleira evitou ata o último momento.

Resulta difícil de entender  a inclusión dentro dun acordo marco outro acordo independente que ten substantividade propia e que é executable por si mesmo, a non ser que o que se pretenda é excluir á CIG da posibilidade de asinalo.

A DETERMINACIÓN DA CIG E A INCOHERENCIAS DO RESTO

O motivo polo que a CIG non asinou este DOCUMENTO foi que nel inclúen (por insistencia dos outros sindicatos) as bases do concurso de provisión de postos coma referencia a futuras bases. É sabido que este asunto está  denunciado pola CIG no xulgado LIGAZÓNS e por coherencia non podemos asinar algo que menciona principios e criterios cos que non estamos de  acordo. O noso sindicalismo demostra diariamente que non cambia a súa opinión, algo que non poden dicir  outros sindicatos ou o servizo de Persoal. Sirvan como exemplos a modificación que pretenden facer ás bases do concurso que se empeñaron en incluír no acordo marco e xa anuncian que as van modificar o mesmo día que o asinan o acordo marco.  

 ROLDA DE INTERVENCIÓNS E SORPRESA FINAL

Nestas últimas datas non tivemos oportunidade de facer moitas preguntas ao final das reunións, pois cada unha delas era continuación da anterior, pero tivemos a oportunidade de pedir explicacións sobre distintos asuntos solicitados por rexistro con anterioridade. Ao marxe das largas de persoal, fomos quen de acadar resposta a unha pregunta sobre a tramitación da cobertura de vacantes por mobilidade na Policía Local. Informaron que está tramitada na Academia Galega de Seguridade.

Dentro da rolda de intervencións fomos coñecedores dunha demanda contra a RPT presentada por un sindicato  que solicitaba  se lle aplicaran a unha serie de postos o factor de penosidade de inspección, o de atención ao publico e, noutros casos,  pasar do nivel mínimo ao máximo deste ultimo factor. A sentenza estímalle só o do factor de atención ao publico para dous postos (Psicólogo clínico e Auxiliar de estación). O que soubemos na MXN é que esa sentenza de primeira instancia,  para a nosa SORPRESA, non foi recorrida polo Goberno Municipal, (a diferencia co que fai con outras),  polo que a sentenza foi declarada firme a semana pasada (sentenza 068/2019). Descoñecemos a motivación que levou ao Goberno Municipal a non recorrela, pero a conclusión, que temos que sacar é que asume como propios  os argumentos utilizados na sentenza. O goberno municipal, sendo coherente coa resolución desta sentenza, debería aplicar os ditos argumentos á totalidade dos postos que as cumpran.

 “...el citado artículo 46 establece que el de atención al público AP1 se asigna a los puestos de trabajo que exigen una atención al ciudadano de naturaleza  presencial, continuada, esencial, prioritaria que no presente un gran volumen o complejidad, mientras que el AP2 tiene esas mismas notas, pero siempre que la atención al ciudadana sea de mayor volumen y complejidad.”

Segundo a sentenza débese aplicar aos seguintes postos: AP 1 para Psicólogos clínicos (postos nº 1452 e 1502) e para Auxiliares de estación (postos de 1706 a 1718)

Dende a CIG solicitaremos do Goberno Municipal que aplique este factor aos seguintes postos de traballo xa que, ao noso entender, cumpren as condicións mencionadas na sentenza:

  • 147 e 149 , Inspector de tributos.
  • 204 ,210,  Técnico superior orientación profesional.
  • 208,209, Técnico superior prom. econ.
  • 211, Axente desarr. Local.
  • 232, Técnico local emprego
  • 321,322, Animador sociocultural
  • 474-477, Socorrista
  • 541-546 Sarxento seis
  • 547-561, Cabo do seis
  • 562-686, Bombeiros.
  • 688,689, Monitor protección civil
  • 690, Oficial de protección civil
  • 704-721, Inspector PL
  • 722-775, Oficial PL
  • 76-1097, Policia local
  • 1161-1170, Oficial cemiterios.
  • 1171-1186, Axte. cemiterios
  • 1263, Xefe departamento recadación.
  • 1272-1277, Axente executivo
  • 1509,1510, Técnico orientación e inserción laboral
  • 1542-1550, Asistente rede acollida.
  • 1626,1627 Inspección  Intervención edificación.
  • 1719-1721, Axudante de estación.  
  • 1933 , TM xuventude
  • 1934 Animador sociocultural
  • 1935, Técnico auxiliar xuventude e solidariedade

Ningún destes postos de traballo estaba incluído a demanda da UGT coa única excepción dos AXUDANTES DE ESTACIÓN.  Probablemente esquezamos algún posto que tamén debería formar parte desta lista, pedimos desculpas e animámosvos a facer a solicitude vos mesmos.

 O motivo de que incluamos aos AXUDANTES DE ESTACIÓN, a pesar de que o xuíz  desestimou esa petición, é que O GOBERNO MUNICIPAL “ACEPTOU” QUE OS AUXILIARES DE ESTACIÓN DEBERÍAN TER O PLUS DE ATENCIÓN AO PÚBLICO, PASANDO POR ALTO QUE OS DOUS POSTOS DE TRABALLO TEÑEN AS MESMAS RETRIBUCIÓNS ESPECÍFICAS E REALIZAN AS MESMAS TAREFASA ÚNICA DIFERENCIA RADICA NO NOME DO POSTO, XA QUE NON SE PODE MODIFICAR A DENOMINACIÓN DOS POSTOS OCUPADOS POR INTERINOS, POIS ISTO SUPORÍA O SEU CESE.

Algún dia coñeceremos si esta aceptación do Goberno Municipal formou parte dun acordo co demandante (UGT) para aquietarse nesta sentenza e non recorrela ningún dos dous.

FINALMENTE RECORDA QUE  O PRÓXIMO 23 DE MAIO SERA O DÍA DA VOTACIÓN PARA ESCOLLER OS/AS DELEGADOS/AS QUE NOS REPRESENTARAN DURANTE OS PRÓXIMOS CATRO ANOS.

Nesta reunión acordouse levar á Mesa Xeral de Negociación dous asuntos que afectan en principio á quenda de noite de policía, a asistencia a xuízos no día de saída da quenda e a asistencia a probas médicas tamén no día de saída.

ASISTENCIA A XUIZOS: A maiores da compensación que reciben por acudir a xuízos fora da xornada laboral, que segundo o sistema de traballo da Policía Local o funcionario podía optar por executala na noite anterior, se lle reducirá a xornada da noite anterior ao xuízo nun 50%.

ASISTENCIA A PROBAS MÉDICAS E ESPECIALISTAS: Acordouse que quen traballe de noite e teña que acudir ao especialista ou a facer unha proba médica pola maña, sempre no SERGAS, teña garantido o descanso necesario para facelo nas mellores condicións posibles. Supoñemos que este asunto se delimitará con maior claridade no texto que se leve á MXN.

POR INSISTENCIA DA CIG, CO BENEPLACITO INMEDIATO DAS REPRESENTANTES DO GOBERNO MUNICIPAL E A PESAR DO INTENTO DE EVITALO DE ALGÚN “SINDICALISTA”, ESTAS DÚAS MELLORAS APLICARANSE Á TOTALIDADE DO PERSOAL MUNICIPAL QUE TRABALLE EN QUENDA DE NOITE, NOMEADAMENTE BOMBEIROS E CASA DE ACOLLIDA.

No noso concello parece que para facer actividade sindical vale todo, algúns parece que necesitan facer inimigos, reais ou ficticios, para manter tensionado iso que denominan como “el colectivo”  e así poder exercer de caudillo incuestionable en todas as futuras batallas, e senón hai motivos, invéntanse.... Outros quéixanse de que os acordos que asinan son impostos polo Goberno Municipal, que a eles non lles gustan, e para demostralo envían escritos nos que cuestionan o que teñen asinado, iso si, coa mesma carga administrativa que un rulo de papel hixiénico, vaia como mostra desto último a solicitude/alegación que presentan contra a ultima convocatoria de xefaturas de servizo, se están tan seguros de que se conculca a legalidade, nada de alegacións!, recurso de reposición e se non fan caso, ao xulgado!!

Co fácil que podería ser todo se se traballara con criterios e non en defensa de intereses particulares, pero vaia, así nos vai.

A xefa de persoal informa sobre os Orzamentos

Respecto ao 2018, para o 2019 non haberá incremento no fondo de acción social debido ás limitacións do Real Decreto Lei 24/2018

Dótase os créditos necesarios para finalizar as ofertas públicas de emprego de 2014, 15, 16, 17 e 18 e a previsión dunha nova OPE dentro dos límites previstos na normativa vixente.

Dótase a aplicación necesaria para gastos derivados dos contratos administrativos do servizo de persoal (SEGURO ACCIDENTES, DESFIBRILADORES, VIXIANZA NA SAÚDE,GAS RADÓN, CONTRATOS VIAXES)

A CIG volve a preguntar sobre a recuperación na produtividade... volvemos a ter a mesma resposta que en anos anteriores que queda conxelada, sen que dende o noso punto de vista exista inconveniente legal algún que o impida .

Diante da pregunta de si se ían aplicar os incrementos retributivos (2.5%) con carácter inmediato, a Concelleira contesta que vaise levar a pleno cos ORZAMENTOS (polas novas que temos non terá apoio do resto de grupos municipais) e no caso de non ser aprobados haberá que estudar se co orzamento prorrogado de 2018 poderíase aplicar estes incrementos, recordan que si hai dispoñibilidade económica vaise aplicar, pois o custe para este ano ten novidades respecto ao ano pasado, a reclasificación da Policía (manteñen este termo cando en realidade foi unha subida salarial en varios conceptos) xubilación da Policía Local e a subida salarial (2,5%) que en se mesma supón 1.5 millóns de euros, en total afirman que todo isto suma case 4 millóns de euros máis que no custe do ano pasado. Polo que se non hai novo orzamentos quedan a expensas do que que manifeste o interventor de si é posible ou non aplicar a subida.

A xefa de persoal informa da creación das seguintes prazas no Cadro de Persoal:

  • Nova praza Viceinterventor a petición do Interventor que o xustifica polas novas competencias que ten.
  • 6 prazas de Técnico de Administración Xeral
  • 2 prazas de Técnicos Medios de Xestión
  • 4 prazas de Auxiliar Administrativo

Por promoción Interna:

  • 2 prazas de Auxiliar Administrativo C2
  • 9 prazas de Sarxento de SEIS para o seu pase ao subgrupo A2
  • 4 Inspectores de Policía Local A2
  • 5 Técnicos de Audiovisuais C1
  • 1 oficial de mercados C2 (esta por xubilación)
  • 43 prazas de Bombeiros/Cabos de C1 (50% do total)
  • 21 Administrativos C1 (sumando outras OPE, un total de 60 de 122, supón case o 50%)

Sobre estas dúas últimas ante a proposta que o Goberno Municipal fixera nas Mesa Técnica de Bombeiros para o pase ao C1, a CIG solicitou que foran cos mesmos porcentaxes para Bombeiros que para Auxiliares Administrativos, algo que si acontece nesta ocasión.

A Concelleira comenta que estas dúas promocións tan numerosas habería que programalas e aprobar unhas bases e a xefa de persoal engade que estas promocións serán no propio posto, polo que no caso de resolverse o concurso antes non afectaría á promoción en canto a traslados. Solicitan unha Mesa Técnica para consensuar unhas bases que poderían partir cos mesmos criterios que a CIG propuxo no plan B do grupo B. Teremos unha reunión para debater estas bases o próximo día 31 ás 15:45.

Sobre o Acordo Marco, a Concelleira de Persoal, limitouse a facer consideracións sobre os enunciados e contido da proposta de CSIF, UGT e CCOO, derivando a discusión da maioría dos puntos cara a Mesas Técnicas, isto a nós, deixounos perfectamente claro que non existía nin existe un Acordo Marco por moito que se fale del, se ese Acordo estiver asinado e rematado, non sería necesario remitilo a Mesas Técnicas, que como todo o mundo sabe é fase previa á súa validación ou non en Mesa Xeral de Negociación.

Fannos entrega da proposta de Bases de Concurso Específico para o seu estudo.

Falouse tamén da necesidade de aprobar o Permiso de Ampliación da Paternidade as 16 semanas en concordancia co acordado coa Mesa Xeral do Estado, sendo avalado por unanimidade, este permiso será de aplicación con carácter progresivo partindo con 8 semanas para o ano 2019, 12 para o 2020 e as 16 a partir do 2021.

Volveuse a retomar o asunto da porcentaxe do valor da fase de Concurso nos Procesos de Estabilización, despois de mencionar a concelleira de persoal que podíamos chegar a un acordo no punto medio no que nos atopamos (20% goberno municipal, 40% sindicatos) e para iso propuxo a fórmula de poñer nas bases entre o 25 e o 30%, nós contra propuxemos que xa que estaba disposta a chegar ao 30%, que se puxera esta cantidade coma mínima. Negouse rotundamente.

Para rematar e porque xa pasaban das 3 da tarde, quedou adiado ao asunto das xornada de Protección Civil.

O pasado 16 de xaneiro fomos convocados a unha Mesa Técnica de Bombeiros na que dende o Goberno Municipal fixeron a seguinte proposta para o persoal adscrito ao Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.

Promoción Interna da totalidade do persoal ao subgrupo superior en dúas fases:

  • Os mandos e unha porcentaxe a estudar (falouse da metade pero sen concretar) para bombeiros do C2 ao C1.
  • O restante do C2 ao C1.

A Concelleira de Persoal vinculou tamén ao igual que facemos nós con todas as medidas, que estes porcentaxes aplicaranse na mesma medida que ao resto do persoal, coas salvedades que en determinado grupos de titulación será obrigatorio ter en conta., para levar a cabo este comprometéronse tanto a modificar a RPT como o Cadro de Persoal.

Se ben esta primeira modificación é imprescindible, tamén o é a aprobación do Cadro de Persoal que se aproba co Orzamento Municipal, neste momento insinuáronnos que sería preciso acadar os apoios necesarios para aprobar o orzamento... recordámosvos que o goberno da Marea segue tendo problemas para acadar apoios no pleno cara a aprobar os Orzamentos municipais para o 2019.

Outro asunto, foi  a da revisión do complemento de Perigosidade, recordámosvos a solicitude LIGAZÓN, coma vedes non son cuestións novas pero a contestación nesta ocasión foi que iso sería obxecto dunha revisión da RPT en canto a unha nova valoración de postos, a isto contestan que abordarían isto nun ano(eleccións municipais polo medio).

A Concelleira de Persoal volveu a aludir ao Acordo Marco para engadir o asunto da valoración de postos ,  o delegado da UGT acusounos de non asinar o citado acordo, con moita vehemencia solicitando que quedase perfectamente claro. Nós contestamos que o mencionado acordo non pasa se ser un mero enunciado dos asuntos que se deberían incluír nun verdadeiro ACORDO MARCO, que estaba baleiro de contido, o representante de UGT manifestou que eles xa tiñan negociado un acordo completo. A nosa resposta foi que si iso é así que o trasladen  á Mesa Xeral de Negociación para que poidamos aportar os nosos puntos de vista e valorar definitivamente si o asinamos ou non.

Dende o noso punto de vista  este tipo de acordos deberían ser asinados ao principio do mandato con toda unha lexislatura para poder executalos. Neste tempo político a sinatura de acordos a poucos meses das eleccións municipais, non pasa de ser unha declaración de intencións co obxectivo probable que cada quen é libre de interpretar...

Iniciamos a reunión con 20 minutos de retraso. Aprobamos a acta da sesión anterior na que entre as cuestións tratadas, recolleuse a postura da CIG que é inequívoca sobre o paso ao grupo B  “RECLASIFICACIÓN” e tamén que ante a afirmación da concelleira de que a CIG recorrera outras reclasificacións, solicitamos que constara en acta que “ISO É FALSO”. Dende que existe  RPT no concello da Coruña... só se reclasificaron os Policías Locais, na modificación da RPT de 2009 e ninguén recorreu esa RECLASIFICACIÓN

VIDAS PARALELAS...MUDAN CRITERIOS E NOVOS REPROCHES...

Coma xa vos informamos, na pasada MXN achegáronnos unhas bases de provisión de postos por CONCURSO ESPECÍFICO para Xefaturas de Servizo.

Logo de revisalas, detectamos que conteñen os mesmo erros que as pasadas bases (recordamos que foron apoiadas polo resto de sindicatos LIGAZÓN) e solicitamos que se teña en conta que o nivel máximo de complemento de destiño para xefatura sexa o nivel máx que se poda acadar no Concello da Coruña(28)... houbo aportacións de sindicatos que a CIG xa  propuxera nas bases xenéricas, pero rexeitadas por eles no seu momento, ao que a concelleira recriminoulles que se quixera alterar a parte xenérica que eses sindicatos tiñan asinada para o concurso xenérico...

A concelleira culpabilizou á CIG do retraso do concurso, afeandonos que eramos os únicos que non asinabamos as propostas sindicais, a CIG respostou que as ilegalidades por moitas sinaturas que levaran, seguiran sendo ilegais, a isto a concelleira respostou que se estabamos tan seguros, Porqué non solicitabamos a paralización do concurso?...a nosa  resposta foi que nós non pretendemos paralizar o concurso... o que pretendemos é que se axuste á lei e a dereito.

ESPECIAL DEDICACIÓN

Tamén vos informamos na anterior publicación sobre a proposta do GM para regular a ED.

O CSIF solicitou que se regule de distinta maneira para aqueles colectivos que teñen horarios especiais en canto a outros conceptos retributivos incompatibles coa ED, facendo especial fincapé nos Inspectores  Principais da Policía Local

ADIANTO DA IDADE DE XUBILACIÓN DA POLICÍA LOCAL E AMPLIACIÓN DAS OPE 2018/19

A xefa de persoal informa da previsión de xubilación anticipada de 29 Policías, 4 Oficiais de Policía  e 2 Inspectores de Policía . O plantexamento final da OPE conxunta 2018-19  tendo en conta a disposición adicional dos orzamentos que o permite

34 Policías (26 quenda libre 8 mobilidade), 6 Oficiais e 2 Inspectores

ACORDO MARCO

Este punto non se tratou por non dar tempo...

A CIG recórdalle á xefa de persoal que temos solicitado formalmente unha reunión para estudar reclamacións xurdidas na listaxe de agarda, contesta que é consciente pero que non tivo tempo ata agora.

LUZ E TAQUÍGRAFOS

Para empezar temos que volver a queixarnos do contido das actas de sesións anteriores, tíñamos razón cando solicitamos que se comezaran a gravar as sesión para ter unha seguridade do que nelas se afirma,  resulta algo máis que molesto que a concelleira de persoal omita das actas acordos acadados con ela, como o de facer unha reclasificación directa ao grupo B no caso de non haber impedimento na contestación de función pública (xa en agosto preguntamos por isto ligazón) e a continuación falte a verdade en cada ocasión na que se abordan determinados temas como é o da modificación puntual da RPT que ela e o resto de sindicatos sempre chaman Reclasificación da Policía Local... nada máis que dicir sobre isto que recordar a última ligazón que retrata moi ben quen é quen neste asunto.

BASES CONCURSO ESPECÍFICO SEN ALEGACIÓNS DA CIG

Achegáronnos as bases para os concurso específicos na aquelas xefaturas de servizo que non son de libre designación, logo dunha lectura rápida na propia reunión, pois coma case sempre non adiantan os documentos a tratar, atopamos os mesmos erros que nas pasadas bases. Solicitáronnos, aos sindicatos,  que presentaramos as alegacións que consideramos oportunas, dende a CIG preguntámoslle a concelleira se a estas alegacións da CIG, lle ia dar o mesmo trato que as alegacións das bases xenéricas de xullo ligazón  (ainda sen contestar) xa que de ser así, en vez de face alegacións prepararíamos directamente a demanda xudicial. NON CONTESTOU...

INCREMENTO DO 0,3%                                                                             

A Concelleira explica que debido a que este concello cumpre coas condicións necesarias, haberá o incremento adicional dun 0,3% que permiten os orzamentos do estado, logo dun debate sobre en que concepto aplicar este incremento, adiamos a toma de decisión para unha mesa técnica o venres 30 e decidir sobre os 3 escenarios falados, sobre a masa salarial, sobre o específico ou nun incremento lineal, sobre o que se decida informarémosvos.

ESPECIAL DEDICACIÓN

Despois da sentencia de nov de 2015 que regulaba o tempo ligazón da ED en 40 hora máximo...despois que o goberno municipal en setembro de 2017 fixera unha modificación da RPT e das súas norma de xestión nas que compatibiliza por primeira vez a ED cas horas extraordinarias...despois das inumerables ocasións na que a CIG solicitou tratar este complemento ...a falta de 6 meses fan unha proposta para regular tanto no tempo efectivo (40h mín/48h máx) e no seu control en canto aos descansos... a pesar que recoñecen abertamente que é un concepto mal entendido de responsabilidade e si de tempo, seguen evitando un debate serio. Quedaron en enviar un documento sobre os detalles desta regulación.

SEGURIDADE NOS CENTROS CÍVICOS

Volven a saltar as alarmas por incidentes cas traballadoras sociais nos centros cívicos, logo de debater sobre posibles medidas, acordase tratalo en coordinación coa área de seguridade cidadán, veremos se son capaces de coordinarse pois na pasada mesa técnica de bombeiros a concelleira de seguridade descoñecía que este tema tratariámolo en MXN

Logo de ter varias mesas técnicas coa área de seguridade cidadán o pasado luns 26 asistimos á mesa técnica de bombeiros na presencia das Concelleiras Rocío Fraga(seguridade cidadán) e Eugenia Vieto (personal) que acudiu acompañada pola xefa de servizo de persoal e o oficial maior para intentar chegar a acordos sobre:

  • 1)Aumento do mínimo de quenda de 11 a 15 efectivos
  • 2)Subgrupo C1 en Bombeiros e Cabos coa correspondente subida de subgrupos na escala de mandos.
  • 3)Revisión do concepto da Perigosidade.

No primeiro asunto é o máis urxente, por que hai que elaborar o cadrante de 2019 tanto a totalidade dos sindicatos coma os responsables a área de seguridade cidadán estabamos da cordo en todos os números revisados con anterioridade nas distintas mesas técnicas, que en cuestións económicas non supoñen un aumento e si un ordenamento das xornadas. A concelleira de persoal e a xefa de servizo persoal, puxeron todo tipo de problemas e escusas á hora de comprometerse a dar datas para a posible  aplicación do acordo.

Sobre o segundo punto, que a CIG leva anos incluíndo no seu programa electoral, por parte da concellaría de persoal non aportaron ningún tipo de compromiso xa que o único que manifestaron é que tiñan que estudalo, nós propuxemos que se barraran os postos de C2 a C1 coma se fixo cos auxiliares administrativos e que esa promoción se executara co mesmo ritmo que o resto de persoal.

Sobre á perigosidade a CIG leva tempo solicitando unha revisión deste complemento que afecta tanto ao persoal do SEIS coma ao da  Policía ligazón. Nesta ocasión a xefa de persoal recoñece que este complemento actualmente é ilóxico, pois os postos que están máis expostos son os que cobran menos, sen embargo as pegas da concelleira de persoal nesta ocasión volven a ser a de que calquera cambio na RPT resulta moi complexo e hai que miralo con calma.

VALORACIÓNS

Ao remate da mesa técnica e xa sen a presencia da parte de persoal dende a CIG démoslle á nosa valoración sobre a reunión á concelleira de seguridade cidadán, consideramos que persoal ten moi pouca  intención de abordar o conxunto da proposta e que pretende ir dándolle largas  ata chegar ao final da lexislatura.

FALTA DE AUTOCRÍTICA

A concelleira de persoal, cada vez que se critica a falta de resolución na execución dos asuntos que temos pendentes adoita votarnos as culpas pola xudicialización que facemos de determinados asuntos, tal e como saen as sentenzas mellor sería que se dedicaran a cumprir a legalidade evitando facerlle perder o tempo tanto a asesoría xurídica do concello como o negociado de persoal que ten que repetir as cousas varias veces.

OPE 2018 ADICIONAL

Achegáronnos a listaxe de novas 11 prazas para Oferta Púlbica de Emprego:

  • A1: 3 Técnicos de Adm Xeral, 1 Psicólogo Clínico, 1 Técnico Medio Ambiente
  • A2: 2 Téc Med. Adm Xeral.
  • C2: 2 Bombeiros
  • AP: 2 Axudantes de Cimeterios.

E a listaxe de promoción interna que o Goberno Municipal da por definitiva a falta de que Función Pública se pronuncie sobre o GRUPO B.

  • A1: 1 Superintendente
  • A2: 1 Téc Med Informática, 4 Téc Med  Innov Tecnolóxica e 4 Bibliotecarios M.
  • B: 13 Téc Sup Delineación, 5 Téc Sup MA, 2 Téc Sup Diseño Graf. E 10 Téc Sup. Informática ( a falta de confirmar se son postos a reclasificar)
  • C1: 20 Administrativos (49 total acumulados) e 2 Oficiais Policía Local
  • C2: 3 Socorristas

GRUPO B

Coma xa vos informamos da pasada MXN 11/10/18 o Goberno Municipal trasladou a Función Publica a dúbida sobre se o pase ao grupo B ten que ser por RECLASIFICACIÓN AUTOMÁTICA coma fixeron outras administracións (PREME AQUÍ)  e como sempre mantivo a CIG (PREME AQUÍ) ou por un proceso de PROMOCIÓN INTERNA postura  do Goberno Municipal . Naquela MXN a CIG solicitou concretar  unhas bases de promoción interna no caso de que a resposta fora negativa á reclasificación.

Dende a CIG presentámonos nesta MXN cunha proposta clara e concisa para a confección  de Bases de Promoción Interna ao GRUPO B, xa que as titulacións afectadas son equivalentes a efectos profesionais e  xa que o art. 80.3 da Lei 2/2015 de EPG, permite eximir total o parcialmente dalgunhas  das probas ao persoal que participe nos procesos de promoción interna, por ter acreditado o seu coñecemento, propuxemos:

  • Que para a cobertura por promoción interna dos postos da RPT encadrados no grupo B se exima da parte teórica por non variar a titulación que debía requirirse entre o acceso e esta promoción
  • E que se faga o proceso mediante unha proba práctica relacionada coas tarefas do posto de traballo ao que se opta.

Logo de debater sobre outras propostas presentadas e que incluían fase de concurso, totalmente innecesaria neste caso, acordamos prever unhas bases de promoción interna que axústanse a proposta presentada pola CIG, bases  que serán remitidas aos sindicatos para a súa aprobación definitiva.

ROLDAS DE INTERVENCIÓNS

A CIG que se lle contestara ao Recurso de Reposición sobre as Bases do Concurso(LIGAZÓN RECURSO) presentado o 5 de xullo deste ano, a isto a Xefa de Persoal contestou que o faría a próxima semana.

Recordámoslle á Concelleira de Persoal que tiñamos pendente a aprobación dun novo Regulamento de Axudas Económicas presentado pola Xunta de Persoal.

E solicitamos explicacións sobre a coincidencia de dúas convocatorias de negociación na Área de Seguridade para o próximo mércores  31 de outubro:

  • 9:30 no Cuartel da Policía Local Regulamento da Policía Local
  • 10:00 no Parque de Bombeiros para tratar temas organizativos do SEIS

A Xefa de Persoal resposta que preguntará na Concellaría de Seguridade Cidadá.

RESUMO MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN:

O pasado dia 11 de outubro de 2018 tivemos unha mesa de negociación na que se trataron os asuntos seguintes:

INTRUCCIÓN  DA XESTION DAS BAIXAS POR  IT

Non se fixeron modificacións substanciais sobre a proposta realizada por Persoal. A única discrepancia que suscitou debate, acalorado por certo, foi a supresión dos 4 dias de ausencia con xustificación médica que non supoñían redución de haberes implementados pola Orde HAP/2802/2012 de 28 de decembro.  Temos que recordar que o acordo unánime foi o de volver á situación anterior ao Decreto 20/2012 do 13 de xullo. Isto non causa ningún prexuízo ao persoal xa que neste momento se poden dar baixas por un día e é o mesmo pedir un dia de baixa que un xustificante medico por ese día. A discusión xerouse por que a CSIF defendía que se aceptaran para estes efectos os xustificantes dos médicos das compañías privadas.

ACORDO MARCO:

Sobre este asunto a concelleira limitouse a facer unha especie de proposta de actuación sobre os diversos asuntos da proposta de UGT,CSIF e CCOO, pero sen chegar a nada concreto.

Neste punto recordamos que temos pendente de aprobar á modificación da Regulamento de Axudas Económicas dende o ano pasado e que vai rematar este e séguese sen facer nada.

ROGOS E PREGUNTAS.

  • Tivemos coñecemento dunha sentenza que obriga ao concello a pagar como horas extras as realizadas polas empregadas que ocupando un posto con ED superen as 40 horas semanais. Por este motivo a CIG solicitou do Goberno Municipal que as 10 primeiras horas extras de cada mes que realice calquera empregada municipal sexan retribuídas co mesmo importe  que o valor  de cada hora de especial Dedicación. O Presidente da Xunta de Persoal e representante da CSIF tachou esta proposta de “brindis  al sol”.
  • Sobre o proceso do grupo B, a CIG volveu a insistir sobre a resposta que se lle vai a dar a esta cuestión, contestaron a consulta foi remitida a Adm Local. Volvemos a solicitar unha concreción no caso de que a resposta sexa a promoción interna, pero obtivemos o mesmo resultado que estes anos nos que a CIG solicitou en moitas ocasións unha mesa técnica para poder debatelo coa maior cantidade de argumentos e lexislación ao favor dunha reclasificación.
  • Preguntamos pola firmeza da sentenza que afecta ás xefaturas de servizo de Edificación e Infraestruturas, contestou a xefa de servizo de persoal que lles comunicaron a firmeza da sentenza a mediados de setembro.
  • Despois de ausentarse da mesa a concelleira de persoal e o oficial maior, a Xefa de Persoal empezou a dar explicacións en relación á nota que enviou a Xunta de Persoal pedindo a cobertura dos postos da Banda de Música, manifestou que era unha cuestión de prioridades e que o da Banda non era prioritaria. Manifestamos que ,ao contrario que o resto do persoal , os músicos non son intercambiables entre si e que a falla de persoal podía facer perigar  as súas actuacións  e o mantemento da calidade. O resto dos sindicatos defenderon que a Banda non era a única con carencia de persoal e que había que repartir os reforzos. Chegados a este punto dixémoslle ao resto dos sindicatos que non estabamos dispostos a discutir sobre a falla de persoal xa que eles eran responsables diso por asinar co goberno do PP o mantemento da taxa de reposición de efectivos que impedía recuperar o emprego perdido.

REUNION COMITE DE SEGURIDADE E SAUDE.

O pasado día 10 reuniuse o CSS e de tódolos puntos que conformaba a orde do día so se falou do Gas Radón.

O Goberno Municipal trouxo a tres técnicos da empresa que fixo as medicións  e que se esta encargando da procura de solucións co único fin, dende o noso punto de vista, de convencer a CIG de que non désemos a información que estabamos achegando xa que , segundo eles, estabamos creando alarma innecesaria. Nos mantivemos que o dereito á información debe primar sobre calquera outra consideración e que os empregados do concello están o suficientemente capacitados para xestionar a información que reciben e decidir se preocuparse ou non. Despois de moito debater acordouse consensuar como dar a información aos traballadores. Avisamos que si non se facía así nos dariamos a información como considerásemos oportuno. Quedouse en seguir a reunión esta semana pero aínda non fixeron a convocatoria.

Aprobación das actas anterior

Queda pendente a do 1 de xuño, pois a CIG tiña solicitado na última MXN do 24 de xullo que se repasara o audio nun punto da acta, algo que non se fixo.

Tampouco aprobamos a do 24 de xullo, en primeiro lugar porque tiña que figurar o resultado da comprobación dos audios da reunión anterior algo que tampouco fixeron e en segundo lugar, queixámonos unha vez mais de que ningunean nas actas as aportacións positivas que fai a CIG, neste caso concreto non nos nomean para nada cando a proposta aprobada por unanimidade foi da CIG.

Modificación do cadro de persoal 2018

Explican que debido a aprobación dos orzamentos do estado no pasado xuño, o Concello da Coruña ao cumprir unha serie de indicadores económicos pode aumentar o cadro de persoal en 4 prazas, unha praza que pode ir só para a policía e 3 que deciden que serán para técnicos/as da administración xeral.

Sobre o plan de estabilización nada novo que engadir a outras MXN, máis que recordar que hai un prazo de 3 anos dende a publicación da OPE para a súa execución.

Grupo B

Sobre este tema temos que recordar que na anterior MXN do 24 de xullo informouse á concelleira dun posible problema para os servizos de urbanismo e infraestruturas, pois os delineantes destes servizos están plantexandose a posibilidade de optar a postos de inspección. cos que incrementarían un 30% de salario, e iso podería ocasionar un grave problema nas oficinas técnicas tanto de urbanismo coma de infraestruturas.  Esta é unha máis das circunstancias que xunto coas convocatorias das novas prazas e o cumprimento da legalidade, obriga ao concello a decidirse a encarar o pase ao grupo B, esperemos que con carácter definitivo, aos técnicos de formación profesional de segundo grao.

Diante da petición rexistrada pola CIG o pasado 20 de agosto (núm rexistro 28217) da pregunta remitida o pasado 2 de agosto á Dirección de Función Pública en relación si os postos barrados no grupo B na última modificación da RPT poden ser reclasificados ou se é necesario o sistema de promoción interna, o Goberno Municipal decidiu trasladar esta información á MXN.

A concelleira recoñeceu que houbo outras administracións máis pequenas que reclasificaron aos seu técnicos pero eran de tamaño menor co concello da Coruña e afectaban a menos postos, a este respostamos que a legalidade dos actos non depende do número de afectados nin do importe económico, se non do acto en si.

Despois do debate a concelleira de persoal manifesta que se a dirección da función publica non informa positivamente ao concello para unha reclasificiación quere un acordo cos sindicatos para abordar a promoción interna da maneira máis simple posible de aquí a primeiro do ano próximo.

A CIG expón que si todos pensamos que estamos ante un proceso de reclasificación con independencia do que diga Función Pública haberá que optar polo proceso máis sinxelo posible ,  e recordamoslle que a legalidade actual permite convalidar na promoción interna aqueles temas que se utilizaran para a praza de inicio, neste caso a totalidade deles, por coincidir a titulación que se lles exixiu para o acceso que é a mesma para a promoción.

Finalmente expoñemos a RPT ten montón de erros entre eles a falta de singularización de moitos postos de administración especial.

Proposta e estudo do Plan de absentismo

Achegáronnos  previamente á MXN o borrador dunha instrución para  recuperar a situación anterior ao decreto 20/2012 para o descontos das baixas por IT, ao mesmo tempo persoal presentounos na reunión un plan de control de absentismo para axudar no trámite da instrución. Logo de falar e de mostrar algúns desacordos coa maneira de redactar a instrución, acordamos que persoal achegaría o texto refundido vía correo electrónico para mellorar o texto e para que mostremos a nosa opinión sobre el.

Outras cuestións tratadas na MXN

Tratouse a promoción de Aux Administrativos a Administrativos, a CIG propuxo copiar o modelo usado na Deputación da Coruña. Quedamos en trasladar toda a documentación da que dispoñamos deste proceso para o seu estudo.

Houbo preguntas dalgún sindicato por algúns postos que ou ben seguen a darse de maneira directa ou non saen a concurso, como os da xefatura de departamento de deportes ou a de dirección de centros cívicos que estase a pagar a quen ocupa este último a través dunha produtividade, contestan que están estudando as distintas propostas para sacar postos e que as xefaturas tanto de departamento coma de servizo van por designación directa. Os mesmos sindicatos que preguntan e se queixan destas cuestións son os mesmos que pactaron tanto as bases coma a listaxe do próximo concurso.

A CIG preguntou se van a contestar as alegacións as bases do concurso e como estaban as execucións de sentencias dos nomeamentos nas xefaturas de servizo de infraestruturas e edificación ao que contestaron que aínda non tiñan constancia da firmeza desas sentenzas, que só tiveran coñecemento da firmeza da de xefe de servizo de planeamento e xestión que xa está executada.

Rematamos a mesa discutindo novamente con persoal sobre a distinta vara de medir entre a produtividade e a especial dedicación...nada novo sobre reproches e contestacións.