Seixo salienta a gravidade do problema do desemprego, denuncia as consecuencias das políticas ultraliberais e defende políticas alternativas para mudar a situación
Video-reportaxe: 26 semanas de campaña da ILP
A xornada comezou cunha asemblea nacional de delegados/as convocada para analizar a situación do desemprego en Galiza e pór en común as medidas propostas pola CIG para favorecer a recuperación económica e impulsar a creación de emprego. Ao seu inicio, as e os delegados asistentes mantiveron un minuto de silencio en homenaxe ao compañeiro recén finado, Xosé Lois Martín Freire.
Tras da asemblea, as/os delegadas/os trasladáronse á Alameda compostelá, de onde saíron en manifestación até as portas do Parlamento de Galiza, onde permaneceron até que saíu a representación da Executiva Confederal encargada de entregar as sinaturas no rexistro do Pazo do Hórreo.
Na súa intervención na asemblea de delegados/as o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, salientou a importancia da ILP como parte dunha campaña de divulgación das propostas da central sindical para o crecemento económico e a creación de emprego concretadas en 100 medidas. Unha campaña que se puxo en marcha diante da enorme gravidade do problema do desemprego para a sociedade galega e para a súa clase traballadora.
Seixo asegurou que a creación de emprego “non vai vir da man das políticas ultraliberais promovidas polo PP, de reformas laborais, recorte de salarios e políticas activas de emprego”. Subliñou que, neste modelo, “sen crecemento económico, non hai creación de emprego” e reafirmou que fronte a actual situación e as políticas emprendidas polo PP “si hai alternativas”.
Denunciou as consecuencias para a clase traballadora galega e para Galiza no seu conxunto dos altos niveis de desemprego, nomeadamente a emigración que supón “a perda de man de obra cualificada, de capacidade de xerar riqueza e de poboación”, co conseguinte avellentamento do país. Xunto a isto, alertou da pobreza e a exclusión social que xa está a provocar, con preto do 45% das desempregadas e desempregados que non cobran ningunha prestación e o debilitamento da clase traballadora, que perde capacidade reivindicativa e a consecuencia diso, empeora as súas condicións laborais, salariais e de vida.
Diante desta dramática situación, o secretario xeral da CIG denunciou a actitude da Xunta de Galiza que “está a manipular datos de paro e de emigración”, dixo, “para presentar un país no que todo vai ben”, limitándose a presentar diante da cidadanía “grandes proxectos industriais” que despois non se concretan en nada ou en moi pouco.
Denunciou tamén que o goberno do PP, á fronte da Xunta de Galiza está a permitir a destrución do noso tecido produtivo ou mesmo a “facer de axentes comerciais” para o pór á venda de capital foráneo sen ofrecer ningún plan de choque que reactive a economía e posibilite a creación de emprego.
Propostas da ILP
Respecto do contido da ILP subliñou que contempla propostas en diferentes materias: industrial, fiscal, financeira, laboral... e fixo especial fincapé nas laborais, dirixidas á creación de emprego de calidade. Entre estas subliñou a derrogación das contrarreformas laborais; a redución da xornada laboral ás 35 horas; a mellora do poder adquisitivo dos salarios ou a creación dunha renda de inserción laboral.
Xunto a estas, salientou algunhas das medidas contempladas en materia de promoción económica e industrial dirixidas a todos os sectores: pesqueiro, marisqueiro, leiteiro, forestal, gandeiro, automoción, téxtil, conservas, para o sector enerxético, a minaría ou o naval.
Do mesmo xeito lembrou que a CIG dálle moita importancia tamén ao sector do comercio “por xogar un papel fundamental na distribución e venda dos produtos elaborados en Galiza e, polo tanto, no mantemento e creación de emprego”. Por iso manifestou o rexeitamento da central sindical ás grandes superficies comerciais.
Sinalou a importancia do sector cultural, apoiando a produción e difusión da nosa cultura en todos os ámbitos e destacou tamén a importancia do sector público, para a promoción de empresas de capital público en sectores estratéxicos da nosa economía: enerxético, telecomunicacións; naval, leiteiro ou financeiro.
Respecto do sector financeiro subliñou que a CIG defende a necesidade dunha Banca Pública para apoiar o tecido produtivo (PEMES) e familias.
En materia de política fiscal reclamou o incremento do IRPF ás rendas máis altas; aplicar ás rendas do capital o mesmo tratamento fiscal que ás rendas do traballo; a supresión das bonificacións e deducións no Imposto de Sociedades; a redución do IVE dos produtos de primeira necesidade; a persecución da fraude fiscal e que se destinen máis recursos a perseguir a fraude cometida pola banca e as grandes empresas... Mecanismos imprescindíbeis “para garantir a redistribución da riqueza”.
Xunto a estes obxectivos, lembrou que a CIG con esta campaña, ademais de ofrecer alternativas para a creación de emprego, pretendía “abrir o debate sobre o actual modelo económico de capitalismo neoliberal”. Un modelo do que dixo que “xera un reparto desigual da riqueza e, polo tanto, un aumento das desigualdades sociais”. Denunciou que “concentra a riqueza e o poder nunha minoría da sociedade” e que “non garante dereitos básicos para toda a poboación”, entre os que sinalou ensino, vivenda, saúde, traballo... e concluíu que é un modelo que “converte a natureza e ao propio ser humano en mercadorías”.
Soberanía política
Por iso apostou por loitar por “conquistar un novo modelo de organización social e económica máis xusto e democrático, ao servizo dos intereses da maioría social, da clase traballadora”.
Chamou a atención, ademais, sobre a situación de Galiza e sobre o papel que xoga no Estado e na Unión Europea “como subministradora de materias primas, man de obra barata, recursos enerxéticos ou recursos financeiros” e concluíu que, ante isto, é necesario que a nosa nación goce de “soberanía política”.
Reforzar a CIG
O secretario xeral da CIG rematou salientando a importancia da central sindical como a mellor ferramenta para nos defender. Asegurou que os ataques da patronal e da dereita á CIG responden ao perigo que o sindicato representa para os seus intereses e chamou a todas as delegadas e delegados a facer un especial esforzo de cara ás eleccións sindicais.
A este respecto denunciou que precisamente a Lei de Seguridade Cidadá ten como obxectivo criminalizar a protesta e impedir á clase traballadora e ás organizacións sindicais, en concreto á CIG, saír á rúa a defender os dereitos laborais e sociais que está a laminar o Partido Popular.
Por iso concluíu que é fundamental reforzar a afiliación para continuar coa necesaria mobilización social para seguir a loitar na defensa deses dereitos cos que a dereita pretende acabar.