A sección sindical da CIG critica o escaso interese do Goberno da Coruña para avanzar na reposición das prazas da Policía Local

A cobertura de persoal polo sistema de mobilidade leva un ano paralizada

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña quere alertar do escaso interese mostrado polo Goberno Municipal no relativo á reposición do cadro de persoal no servizo de Policía Local. Critican que dende o servizo de Persoal "fíxosenos crer en 2018 que existía unha planificación para abordar a reposición de policías locais no Concello da Coruña", xa que tras da implantación do Real Decreto 1449/2018, existía a posibilidade de que 40 axentes solicitaran un adianto na idade de xubilación, "tal e como aconteceu finalmente".

Os sistemas de selección deste corpo fíxaos a lei 4/2007 de coordinación da policías locais de Galiza, nomeadamente de quenda libre e mobilidade. A planificación do servizo de persoal sustentábase nas OPE 2017 e 2018 que incluían, entre outras, as prazas de 39 policías:

-2017: 3 en quenda libre e 2 polo sistema de mobilidade.

-2018: 26 en quenda libre e 8 polo sistema de mobilidade.

Lembran que a sección sindical da CIG leva solicitando dende inicios de ano a convocatoria e resolución da cobertura de vacantes polo sistema de mobilidade. A primeira, en abril de 2019, tendo como resposta a publicación de bases no BOP o 10 de xuño, e a segunda, no mes de xullo, tivo como consecuencia a publicación das bases no BOE o 2 de agosto, que incluían as 10 prazas de policía local pola quenda de mobilidade.

O sistema máis rápido, paralizado

Neste senso, sinalan que o sistema por mobilidade resulta "o máis rápido e económico ao ser o que selecciona a policías xa formados/as". Ademais, o trámite administrativo aforra a avaliación de probas selectivas, quedando só a de valoración de méritos en fase de concurso. "Porén, a día de hoxe esta convocatoria atópase paralizada e a que resulta máis custosa e lenta (quenda libre), que está tramitando a Academia Galega de Seguridade, está a piques de rematar. Mentres, a que tramita directamente o Concello, en teoría a máis rápida, leva un ano paraliza".

A consecuencia de non resolver este proceso, engade José María Calatayud, secretario da sección sindical, "é que incide na organización interna do servizo da Policía Local pola falta de persoal. Temos constancia da negación de días de asuntos propios en máis dunha ocasión co argumento de falta de efectivos nas distintas quendas, algo que pode agravarse no período de nadal. Tamén temos que recordar que o servizo de policía é un servizo deficitario en número de efectivos, o que obriga a realizar numerosos servizos con horas extraordinarias, o que supón un malgasto dos recursos públicos".