A central denunciará diante dos grupos parlamentarios os incumprimentos do Goberno galego en conciliación familiar e laboral
Xoves, 08 Maio
Ao mesmo tempo, proporanlles a presentación dunha proposición non de lei na que se inste a respectar a vixencia dunha lei que, segundo critican, a Xunta está a intentar cambiar. Neste senso, lembran que a lei galega de igualdade, 7/2004, no seu artigo 44, recoñece o dereito á flexibilidade laboral por razóns familiares ao persoal da Administración pública galega. “Recoñece o máis amplo horario diario de referencia para realizar xornada laboral con total liberdade no caso de ter fillos/as menores de 12 anos ou persoas maiores a cargo”.
Posteriormente a Xunta desenvolveu este aspecto da lei a través da Orde do 20 de decembro de 2013. Porén, varios aspectos dela chocan frontalmente coa lei cando se intenta establecer con carácter xeral un horario de referencia, xa que na lei recoñécese que este é establecido por cada centro en función das súa realidade. “Chégase así ao absurdo de non poder traballar os venres pola tarde na Administración xeral da Xunta a pesar de que moitos dos seus centros e edificios administrativos permanecen abertos e accesíbeis ao público”. A CIG presentou un recurso contencioso contra este intento de vulnerar unha lei a través dunha norma de carácter administrativo.
Actualmente a Xunta puxo enriba da mesa unhas instrucións para regulamentar a norma anterior, que continúa no camiño de limitar cunha norma inferior un dereito recoñecido amplamente pola lei. “Agora trata de establecer un horario de presenza obrigatorio para este tipo de flexibilidade familiar e mesmo valorar as condicións particulares”, denuncian.