A sección sindical da CIG leva denunciando dende hai máis dun ano "a neglixencia coa que está a actuar o Concello da Coruña en canto á cobertura definitiva de 10 prazas de Policía Local polo sistema de mobilidade".
Nunha primeira instancia foi o servizo de persoal quen paralizou este proceso, mentres tramitaba á Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) as prazas de quenda libre, "que son as máis dificultosas de tramitar posto que ademais de superar os exames tamén teñen un período de formación e práctica". Porén, lembran, as prazas convocadas por mobilidade non foron obxecto de trámite administrativo ningún até que a CIG, o 2 de xullo 2019, enviou unha nota de prensa denunciando estas situación. A raíz disto iniciouse a convocatoria das prazas.
"Lamentabelmente en novembro de 2019 vímonos na obriga de enviar outro comunicado público porque, a pesar de que en setembro se publicou a listaxe de persoas admitidas, ás portas do Nadal non había nada resolto", critica a sección sindical.
A derradeira resolución sobre este asunto é de febreiro de 2020, coa publicación da listaxe definitiva de aspirantes e a composición do tribunal cualificador. Este tribunal, apuntan, está composto por altos mandos do propio corpo. "A sección sindical da CIG non entende que un tribunal que coñece a necesidade e urxencia de efectivos no corpo da Policía Local da Coruña demore, ao noso entender de maneira neglixente, a cobertura destas prazas".
A día de hoxe, a vista de que os policías da quenda libre xa están incorporados, "seguimos pensando que ou ben existe algún tipo de interese en paralizar sine die este proceso ou o concelleiro de Persoal debería esmerarse máis na elección dos membros dos tribunais cualificadores atendendo, fundamentalmente, á súa competencia e capacidade de traballo".