O secretario xeral da CIG, presente na marcha de Vigo, rexeita as “condenas abusivas” e chama a mobilizarse contra a vaga represiva do Goberno español do PP
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na marcha de Vigo, denunciou as “condenas abusivas” que lles foron impostas. Penas que considerou que “no se corresponden cos feitos acontecidos” e que entende que responden a unhas “directrices claras” do PP e do Goberno ao que este sustenta, “dirixidas á Fiscalía e aos xuíces que lle son afíns ideoloxicamente”, co obxectivo de que endurezan as condenas contra traballadores/as por participar nos piquetes informativos.
Con esta mesma vaga represiva vinculou a política do Goberno de sancionar con multas importantes a traballadores/as por participar en piquetes informativos. “Unha política represiva coa que pretenden amedrentar á xente para que non participe nas convocatoria de folga e polo tanto non teña unha actitude activa fronte os recortes de dereitos laborais e sociais”.
Con todo, Seixo manifestou a súa esperanza de que o Goberno sexa sensíbel ás peticións de indulto destes traballadores/as, que considerou que “estarían bastante máis xustificados que outros que se están a conceder a persoas que cometeron delitos que son realmente graves, ben económicos ou ben por vulneración de dereitos fundamentais”.
Lembrou ademais que o propio Parlamento galego xa se ten pronunciado de forma unánime a prol do indulto e confiou en que esa petición sexa escoitada polo goberno de Mariano Rajoy.
En todo caso, o secretario xeral da central nacionalista denunciou que estas son as políticas que lle son propias á dereita e advertiu que con este recorte de dereitos e coa precarización das condicións laborais e de vida estase provocando tamén un “gravísimo debilitamento na capacidade reivindicativa, pola vía de reprimir a quen se opoña a estas políticas”.
Para Seixo tanto as reformas laborais como a política represiva obedecen ao mesmo modelo económico e de sociedade que está a promover a dereita e o PP nos últimos anos, no camiño de favorecer os intereses do capital financeiro e incrementar os seus beneficios a custo de reducir salarios e calidade de vida das persoas.
Fronte a isto, o secretario xeral da CIG apostou por seguir coa mobilización social e intentar mudar a correlación de forzas para que esta sexa máis favorábel aos intereses da clase traballadora. Neste sentido chamou a manter a mobilización na rúa e nos centros de traballo, mais tamén a intentar mudar a correlación de forzas para botar fóra á dereita e reforzar, no caso de Galiza, ao nacionalismo de esquerdas.
Comunicado conxunto lido ao remate da manifestación de Vigo
Carlos, Serafín, Ana e Tamara continúan a agardar polo indulto que evite o seu ingreso en prisión por mor dunha sentenza inxusta.
Os casos de Ana, Tamara, Serafín e Carlos non son illados: no noso país xa houbo máis, pero tamén no resto do Estado, a día de hoxe hai preto de 350 casos similares. Repítense sempre as mesmas pautas, así como as condenas que solicitan as Fiscalías: penas desproporcionadas, inxustas e abusivas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidade de resposta como clase. Unha vez máis, vemos como os tribunais, ditando estas sentenzas inxustas, colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas. Estes compañeiros/as foron obxecto de condenas desmesuradas, polo feito de exerceren os seus dereitos fundamentais, como son o de folga, o de manifestación ou o de libre expresión.
A actuación xudicial, e singularmente o papel da fiscalía, deixan claro que o que se pretendía eran sentenzas exemplarizantes para sufocar a resposta social fronte o saqueo que padecemos en forma de brutal retallamento de dereitos e servizos públicos. O medo é a mensaxe que o Estado a través do poder xudicial quere enviarnos cando castiga con tres anos de cadea o feito de participar nun piquete informativo durante unha folga legal. A súa represión quere pararnos, mais non o lograrán. Non hai sentenza, nin reforma do código penal, nin criminalización das organizacións sindicais, nin limitación do dereito democrático a folga que logre frear a forza da clase traballadora na súa loita pola plena xustiza social.
Carlos, Serafín, Ana e Tamara seguen á espera de que o Goberno español en mans do Partido Popular resolva as súas solicitudes de indulto, apoiadas por un clamor social unánime. En troca, o Ministerio de Xustiza de Ruíz Gallardón amósase áxil e veloz para indultar a banqueiros e empresarios corruptos, a policías condenados por torturar, a un condutor kamikaze ou a un garda civil que gravou entre risas unha agresión sexual a unha muller. Esa é a súa Xustiza. Xustiza de clase, para a súa clase. Mentres Carlos, Serafín, Ana e Tamara, canda as súas familias e amigos, vense obrigadas a atravesar o doloroso calvario de ficaren ás portas de perder a liberdade por defender a clase traballadora, o Partido Popular afanouse estes días en asegurar a toda velocidade o aforamento para o Borbón saínte.
Á súa concepción clasista e sesgada da Xustiza, esa xustiza do funil de boca pequena para o pobo e con todo tipo de folguras e impunidades para os poderosos/as, engádese tamén a súa xordeira prepotente. Logo de meses de mobilizacións, de milleiros e milleiros de mostras de apoio a estes catro compañeiros/as, que exemplifican hoxe a toda a clase traballadora que padece nas súas carnes as diferentes formas de represión coa que a golpean; e das declaracións institucionais unánimes do Parlamento galego e de numerosos concellos. A pesar de que ninguén, absolutamente ninguén, pode defender que se poida acabar en prisión por reivindicar un convenio colectivo digno. Malia todo iso, o Partido Popular segue sen dar resposta.
É por iso que hoxe queremos esixir desde aquí ao Goberno español de Mariano Rajoy e ao seu ministro de Xustiza, coa forza da razón e do pobo, a concesión inmediata do indulto para Carlos, Serafín, Ana e Tamara. Indulto xa! porque esta incerteza constitúe un castigo engadido que non merecen. Reclamamos ao Partido Popular que sexa consecuente co que votou nos plenos municipais e no Parlamento de Galiza, e faga efectivo o obxectivo desas declaracións institucionais. Pedimos tamén á Xunta que deixe de ollar a outro lado, que non continúe dando as costas a estes compañeiros e compañeiras, e desenvolva todas as accións que sexan necesarias para urxir ao Goberno de Madrid. Non facelo, continuar a alongar esta agonía cruel contra catro traballadores e traballadoras, suporía deixar en evidencia que o seu apoio foi froito do oportunismo e unha mostra intolerábel de cinismo.
A fin do calvario inxusto que padecen Carlos, Serafín, Ana e Tamara, pode e debe ter unha solución. Só depende de ter ou non vontade política. Porque é unha decisión política, un acordo do Consello de Ministros, a que pode poñer fin dunha vez por todas a esta situación que nunca se debera ter producido. Porque é unha decisión do PP a que lles pode asegurar unha liberdade que, por xustiza, non poden perder.
Defender os nosos dereitos como clase traballadora non é delito!