No dia de hoxe tivemos a xuntanza do Comité de Saúde Laboral para Tratar sobre o protocolo de reincorporación ao traballo presencial e as medidas de seguridade contra o Corona virus
Logo de estudar o borrador achegado o día anterior temos que dicir que é pobre e de carácter xeneralista, que da traslado, con pouca fortuna, a normativa estatal. Un protocolo para unha organización tan complexa coma a nosa precisa adecuacións específicas ás particularidades dos diferentes servizos. Para a CIG non é un protocolo á altura dunha administración do tamaño e complexidade do concello da Coruña
Tal e como se desenvolveu a reunión consideramos que o servizo de prevención de riscos laborais está facendo abandono das súas funcións ao deixar en mans das xefaturas de servizo a organización e planificación dos sistemas de reincorporación do persoal
Mentres o Goberno do Estado decretou centralizar nun mando único a xestión desta pandemia, este Goberno Municipal descentraliza e descarga a responsabilidade nas Xefaturas de Servizo. A des coordinación pode ser brutal, serva como exemplo o feito de que hoxe, ao mesmo tempo que mantíñamos a xuntanza do CSL e se decidía que ningún empregado voltaría ao seu posto de traballo en tanto non se publicara o protocolo definitivo, o servizo municipal de educación mandaba incorporar aos conserxes dos colexios, contradicindo un protocolo da Xunta de Galiza que non obriga a reincorporarse aos seus propios conserxes.
A vista do acontecido , e tendo en conta que non haberá mais reunións do Comité de Seguridade e Saúde por decisión do Goberno Municipal, a CIG non avalará o protocolo que se adopte para a prevención do contaxio por COVID-19 nas fases de reincorporación dos/as empregados/as do Concello da Coruña, ao mesmo tempo advertímoslle ao concelleiro que se detectabamos que algún procedemento non garante o coidado da saúde dos/as nosos/as compañeiros/as será posto con, carácter inmediato, en coñecemento da autoridade competente.
Recordámosvos que se tedes algunha dúbida respecto ao voso posto de traballo e as medidas que se tomen na vosa reincorporación, podedes contactar con nós polos medios habituais, correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou nos teléfonos facilitados no correo do 15 de marzo.