imprimir

Ao conxunto do persoal municipal:

Dende a  sección sindical da CIG queremos denunciar publicamente a grave situación que se está a producir no proceso de negociación da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do noso concello.

O que debería ser un proceso transparente, colectivo e orientado a garantir melloras reais para todo o persoal municipal está a converterse nun exercicio de opacidade, exclusión e negociación ás costas das traballadoras e traballadores.

O goberno municipal está a manter reunións e negociacións unicamente con dúas centrais sindicais (UGT e CSIF) deixando fóra de maneira deliberada ao resto de organizacións sindicais presentes e representativas. Esta práctica é inaceptable e profundamente antidemocrática.

Pero máis grave aínda é que estas dúas centrais sindicais —CSIF e UGT— non só coñecen esta situación, senón que participan activamente nela, recoñecendo manter conversas unilaterais ao marxe do resto da representación sindical. Esta actitude constitúe unha ruptura consciente da unidade sindical e unha traizón aos intereses do conxunto do persoal municipal.

Non estamos ante feitos illados, senón ante un patrón de comportamento reiterado. Estas centrais sindicais levan tempo avalando, co seu voto favorable ou coa súa pasividade cómplice, decisións claramente lesivas para os dereitos do persoal municipal:

Dende a Sección Sindical da CIG, consideramos que esta sucesión de feitos non é casual. Responde a unha estratexia clara: facilitar a acción do goberno municipal a cambio de espazos de negociación privilexiados, aínda que iso supoña prexudicar ao conxunto do persoal.

Pola nosa parte, sempre defendimos unha negociación baseada na transparencia e na defensa colectiva dos dereitos. Fronte a iso, atopámonos cun goberno municipal que leva anos bloqueando e dilatando este proceso, negándose sistematicamente a concretar unha dotación orzamentaria que permita facer propostas reais e viables.

Sen cifras, sen compromiso e sen vontade política, a chamada negociación da RPT non é máis que unha farsa. E a constatación no día de onte das “negociaciacións” mantidas só con dúas centrais sindicais, non fai máis que constatar esta realidade.

A combinación dunha estratexia dilatoria por parte do goberno e da colaboración activa de determinadas centrais sindicais está a poñer en risco calquera posibilidade de acadar unha RPT xusta, digna e beneficiosa para o conxunto do persoal municipal.

Dende a nosa sección sindical non imos ser cómplices desta situación.

Seguiremos denunciando estas prácticas e traballando para garantir os dereitos de todas e todos, fronte a quen pretende negociar en beneficio duns poucos.

Chamamos ao conxunto do persoal municipal a manterse informado e a non aceptar como inevitables decisións que van claramente en contra dos seus intereses.

 

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña

Categoría: INICIO
Visitas: 816