imprimir

 

Tras a reunión mantida co Director da Área de Administración Xeral e coa Xefa de Servizo de Recursos Humanos, trasladamos ao conxunto do persoal municipal información relativa á proposta integral presentada pola CIG para a revisión da Relación de Postos de Traballo do Concello da Coruña.
 
Desde a CIG queremos actuar coa mesma transparencia coa que levamos traballando desde o primeiro momento: dicimos o que facemos e facemos o que dicimos. Por iso consideramos fundamental trasladarlle ao conxunto do persoal municipal cales son as nosas propostas reais e concretas, fronte a dinámicas opacas ás que, por desgraza, este Concello nos ten acostumados nos últimos anos.
 
Resulta especialmente grave que, malia terse iniciado xa contactos e negociacións sobre a futura RPT, continúe sen facilitarse á Sección Sindical da CIG información clara sobre a dotación orzamentaria real dispoñible para afrontar esta negociación. Máis preocupante aínda é que parte desa capacidade económica semella estar xa comprometida en acordos dos que o conxunto do persoal municipal non ten coñecemento público e que, polo que transcende, responderían a negociacións parciais con outras organizacións sindicais.
 
A proposta que presentamos desde a CIG parte dunha idea clara: existe unha débeda histórica con amplos sectores do persoal municipal que levan décadas sostendo a carga administrativa, técnica e operativa básica deste Concello sen que os seus postos foran revalorizados desde a aprobación inicial da RPT. Para esta Sección Sindical, a nova valoración da RPT debe comezar ineludiblemente por todos estes postos de traballo, que son precisamente os que sosteñen o funcionamento diario dos servizos municipais, e debe facerse ademais cun criterio claro de progresividade social e retributiva: de abaixo cara arriba.
 
Achegamos ao presente correo o documento completo da proposta presentada pola CIG para coñecemento de todo o persoal.
 

 

 

PROPOSTA RPT SECCION SINDICAL DA CIG

Categoría: INICIO
Visitas: 596