imprimir

RECURSO DE REPOSICIÓN CONTRA A MODIFICACIÓN PUNTUAL DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABAJO DO CONCELLO DA CORUÑA

Dona xxxxxx, con DI xxxxxxxx na miña calidade de Delegada de Persoal do Concello e en representación da Confederación Intersindical Galega (CIG), sección sindical no Concello
da Coruña, con domicilio a efectos de notificacións nos locais sindicais situados no Pazo de María Pita s/n andar 3ª e correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. como mellor proceda en Dereito,

EXPÓN

Que con data do 21 de xullo de 2026 publicouse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP núm. 136) o anuncio da aprobación definitiva da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello da Coruña, adoptada mediante acordo da Xunta de Goberno Local nas sesión do día 15 de xullo de 2026.

Que dentro do prazo dun mes establecido no devandito anuncio para a presentación dun recurso de reposición de acordo co previsto la Lei 39/2015 de 1 de Outubro do procedemento administrativo común das administración públicas, esta sección sindical formula as seguintes

ALEGACIÓNS

PRIMEIRA.- NULIDADE POR VICIO PROCEDIMENTAL: VULNERACIÓN DO DEREITO Á NEGOCIACIÓN COLECTIVA POR DOCUMENTACIÓN INSUFICIENTE NA MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN

1. Feitos acreditados.

A Mesa Xeral de Negociación (MXN) do Concello da Coruña reuniuse o día 8 de maio de 2026. Na orde do día incluíuse como punto 6 a "Proposta de modificación puntual da RPT". A convocatoria da MXN foi remitida ás seccións sindicais mediante correo electrónico o día 4 de maio de 2026, sen que se adxuntase a proposta de modificación.

A documentación sobre a proposta de modificación puntual da RPT non foi remitida ás seccións sindicais até as 12:45 horas do día 7 de maio de 2026, é dicir, menos de 24 horas antes da celebración da MXN. O documento remitido constaba de 12 páxinas e constituía un mero resumo da proposta.

Con posterioridade á celebración da MXN, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente a modificación puntual da RPT baseándose en dous informes moito máis extensos e detallados que non foron postos a disposición dos representantes sindicais durante a fase de negociación:

 Informe do 13 de maio de 2026 (CSV: 5Q3U2H1Q2O6Y4A2A0JRX), de 47 páxinas, que contén a fundamentación xurídica completa, a xustificación detallada de cada unha das
modificacións propostas, a motivación pormenorizada da elección da libre designación para cada un dos catro postos de xefatura de servizo e a valoración dos postos de traballo.
O Informe complementario do 22 de maio de 2026 (CSV: 2T3M6S1L084S4X3N0TF4), de 11 páxinas, que incorpora a modificación da adscrición orgánica do posto de Técnico/a
medio de comunicacións (ref. 1511) e completa o expediente.

A dilixencia da MXN do 13 de maio de 2026 acredita que a proposta foi sometida a votación co resultado de 2 votos a favor (CSIF e UGT), 1 voto en contra (CIG) e 1 abstención (CCOO).

Esta sección sindical presentou alegacións en data 6 de xullo de 2026 contra a aprobación inicial da RPT no prazo concedido ao efecto, mediante notificación de data 17 de xullo de 2026 o Concello da Coruña desestima todas as alegacións presentadas por esta sección sindical. As motivacións expostas polo Concello da Coruña para desestimar as alegacións presentadas non fan mais que reafirmar a motivación para a presentación do presente recurso de reposición, mais concretamente neste primeiro apartado de nulidade por vicio procedimental:

O Concello da Coruña alega que esta modificación puntual da RPT veu precedida de mesas técnicas nas que se anunciaba o obxeto desta modificación puntual, en ningunha mesa técnica previa se tratou esta modificación puntual da RPT. O primeiro coñecemento de que se quería realizar unha nova modificación puntual da RPT tivémola o día 4 de maio de 2026 ao ver que figuraba na orde do día para a Mesa Xeral de Negociación e o contido da modificación non se nos enviou ata o día 7 de maio de 2026.

Indica tamén o Concello da Coruña que a normativa aplicable non esixe que a documentación para a Mesa Xeral de Negociación deba adoptar a forma de informe xurídico, as nosa alegacións neste punto non se basan na forma do documento si non no contido insuficiente do documento achegado á MXN comparada coa moito mais extensa documentación que serviu de base á Xunta de Goberno Local para a aprobación inicial da modificación puntual da RPT

2. Fundamento xurídico.
O artigo 37.1 do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro (TREBEP), establece que serán obxecto de negociación, entre outras materias, «as normas que fixen os criterios xerais en materia de acceso, carreira, provisión, sistemas de clasificación de postos de traballo, e plans e instrumentos de planificación de recursos humanos» artigo 37.1.c) TREBEP.

Aínda que o artigo 37.2.a) do TREBEP exclúe da obrigatoriedade da negociación «as decisións das Administracións Públicas que afecten ás súas potestades de organización», o propio precepto engade que «cando as consecuencias das decisións das Administracións Públicas que afecten ás súas potestades de organización teñan repercusión sobre condicións de traballo dos funcionarios públicos contempladas no apartado anterior, procederá a negociación de ditas condicións coas organizacións sindicais». A modificación da RPT, en canto afecta aos sistemas de provisión e, con iso, á carreira profesional e ás condicións de traballo do persoal funcionario, está suxeita a
negociación colectiva.

O dereito á negociación colectiva non se esgota coa mera celebración formal dunha reunión da Mesa de Negociación. Como ten sinalado o Tribunal Supremo, a negociación colectiva require un debate real entre as partes, con entrega de documentación suficiente, formulación de propostas polos representantes sindicais, respostas da Administración e intercambio de posicións STS n.º 523/2019, de 8 de abril de 2019. Non existe negociación efectiva cando a documentación relevante non está a disposición dos representantes sindicais nun prazo razoable.

O carácter instrumental do deber de información ao servizo do dereito á negociación colectiva implica que a documentación debe ser suficiente e pertinente para permitir unha negociación adecuadamente informada. Esta doutrina, consolidada na xurisprudencia social, é perfectamente trasladable ao ámbito da negociación colectiva funcionarial.


3. Aplicación ao caso concreto.
No presente suposto, a documentación remitida ás seccións sindicais con menos de 24 horas de antelación á MXN —un documento de 12 páxinas— non contiña a motivación completa das modificacións propostas nin a xustificación detallada da elección da libre designación que posteriormente se desenvolveu nos informes de 47 e 11 páxinas elaborados ex post para a Xunta de Goberno Local. En particular, o documento remitido á MXN:
 Non contiña a motivación individualizada e por menorizada da especial responsabilidade e confianza de cada un dos catro postos de xefatura de servizo que se pretendían prover por
libre designación, motivación que ocupa as páxinas 20 a 35 do informe de 13 de maio de 2026.
 Non incluía a análise xurídica sobre a natureza dos órganos directivos municipais e a súa relación coa libre designación (páxinas 23-25 do informe de 13 de maio).
 Non recollía a motivación específica sobre a creación do posto de Xefatura do Servizo de Xestión Administrativa de Infraestruturas en canto á súa causa organizativa (páxinas 9-10 do informe de 13 de maio).

A conduta da Administración municipal —achegar un documento resumido á Mesa de Negociación e, con posterioridade, elaborar informes moito máis completos e detallados que serviron de fundamento á aprobación inicial, sen os someter novamente a negociación— vulnera o dereito á negociación colectiva efectiva, pois privou ás organizacións sindicais da posibilidade de coñecer e debater a verdadeira motivación das medidas propostas.

A doutrina do Tribunal Supremo sobre a necesidade de que a negociación colectiva non sexa «mera aparencia formal» resulta directamente aplicable. A STS n.º 1515/2019, de 29 de outubro de 2019 declarou a nulidade dunha disposición xeral por vulneración do dereito á negociación colectiva cando a Administración elaborou durante un período prolongado sucesivas versións do proxecto con modificacións substanciais sen volver convocar aos representantes sindicais. No noso caso, a Administración elaborou documentación moito máis extensa e detallada despois da MXN, sen que esta fose sometida a debate sindical.

Procede, en consecuencia, declarar a nulidade do procedemento de aprobación da modificación puntual da RPT, ordenando a retroacción das actuacións ao momento anterior á MXN
para que, con entrega da documentación completa e con antelación suficiente, se proceda a unha verdadeira negociación colectiva.


SEGUNDA.- NULIDADE DA CREACIÓN DO POSTO DE XEFATURA DO SERVIZO DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA DE INFRAESTRUTURAS (REF. 2293) E DA SÚA PROVISIÓN POR LIBRE DESIGNACIÓN


2.1. Inexistencia de causa organizativa e duplicidade de estruturas
O artigo 5.4 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, establece unha prohibición taxativa: «non poderán crearse novos órganos que supoñan duplicación
doutros xa existentes se non se suprime ao mesmo tempo a das competencias destes».

No presente caso, as funcións de xestión administrativa, control de pregos e impulso procedimental dos expedientes do Área de Infraestruturas xa se veñen desenvolvendo de forma ordinaria polo Departamento de Servizos Xerais existente (IE 3000). O Concello pretende crear unha nova xefatura de servizo para asumir tarefas que xa están materialmente cubertas pola estrutura administrativa vixente, sen que conste memoria algunha de comprobación previa de non duplicidade.

As funcións descritas no informe-proposta (tramitación de licitacións, control de documentación administrativa, xestión procedimental de subvencións) son funcións puramente instrumentais e de apoio procedimental, subordinadas ao Servizo de Infraestruturas existente (ref. 1795). A tramitación administrativa carece de fin público autónomo: é o medio formal a través do cal o Servizo de Infraestruturas materializa as súas competencias propias. Separar a tramitación do fondo competencial xera unha duplicidade artificial proscrita polo ordenamento xurídico.

Como establece o Tribunal Supremo, a modificación dunha RPT é un acto causal e a potestade organizativa está condicionada a «necesidades obxectivas da organización debidamente
acreditadas» (STS de 5 de febreiro de 2014, Rec. 2977/2012). Crear un servizo que só xestiona o procedemento doutro vulnera o principio de especialidade competencial e carece de causa real. A competencia sobre o fondo do asunto (que recae no Servizo de Infraestruturas existente) atrae de forma natural a competencia instrumental da súa tramitación ordinaria.

Esta actuación vulnera tamén os principios de eficacia e racionalización consagrados no artigo 103.1 da Constitución Española e no artigo 3.1, letras c) e d), da Lei 40/2015, así como o artigo 22 da Lei de Bases do Réxime Local. Crear unha unidade organizativa de «servizo tramitador» carente de competencias substantivas encarece artificialmente os custos da Administración sen achegar valor engadido ao servizo público.


2.2. Desviación de poder e configuración ad personam
Non existe ningunha outra área municipal (Urbanismo, Medio Ambiente, Mobilidade, etc., que manexan volumes millonarios de contratación e xestión de expedientes e/ou subvencións sectoriais) na que o Concello considerase necesario segregar a xestión administrativa creando un «Servizo de Xestión Administrativa» independente que actúe como mero tramitador do servizo técnico substantivo.

Esta asimetría organizativa, que rompe a coherencia global esixida aos instrumentos de ordenación do persoal (artigo 74 do TREBEP), evidencia un suposto de desviación de poder (artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas), onde se exercitan potestades organizativas lexítimas pero orientadas a un fin distinto do interese público xeral.


2.3. Incongruencia estrutural: posto «fantasma» e subversión da xerarquía administrativa
A estrutura directiva municipal aprobada no mesmo expediente só contempla, dentro da Área de Infraestruturas, a existencia do «Servizo de Infraestruturas». Non existe, nin se aprobou formalmente, ningún Servizo de Xestión Administrativa de Infraestruturas no organigrama. Estamos, xa que logo, ante unha xefatura de servizo illada que carece de adscrición
a un servizo real.

A codificación do posto (IE 3000) —que corresponde ao Departamento de Servizos Xerais do Servizo de Infraestruturas— xera unha distorsión xurídica inaceptable: preténdese incrustar unha Xefatura de Servizo dentro da estrutura dun Departamento, subvertendo o principio de xerarquía organizativa. Colocar un Servizo (unidade superior) dentro dun Departamento (unidade inferior) vulnera o principio de xerarquía e a lóxica da organización administrativa.

Concúlcase así o artigo 5.3.a) da Lei 40/2015, que esixe como condición imperativa de validez de calquera órgano administrativo a «determinación da súa forma de integración na Administración Pública de que se trate e a súa dependencia xerárquica». A RPT, como instrumento subordinado de xestión técnica, debe dar cobertura analítica a unha estrutura organizativa previa (artigo 90.2 da Lei 7/1985). Non se pode dotar de dirección a un Servizo administrativo que xuridicamente non existe.


2.4. Aplicación fraudulenta da libre designación
Para o hipotético e improbable suposto de que se considerase válida a creación do posto, o sistema de provisión de libre designación con convocatoria pública resulta igualmente contrario a Dereito.

O artigo 80.2 do TREBEP establece que as leis de Función Pública determinarán os criterios para establecer os postos que «pola súa especial responsabilidade e confianza» poden cubrirse por libre designación.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 92.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia dispón que «soamente poden proveerse polo procedemento de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira (...) excepcionalmente, aqueles postos de traballo de especial responsabilidade ou cualificación
profesional que se determinen nas relacións de postos de traballo». Pola súa banda, o artigo 91.1 da mesma lei establece como regra xeral que «as xefaturas de servizo ou postos de nivel equivalente proveranse por este sistema [concurso específico], salvo aqueles que, polas súas especiais características, deban pro verse polo sistema de libre designación».

A xurisprudencia do Tribunal Supremo é contundente ao respecto. A STS de 10 de abril de 2000 (Rec. 2997/2000) sentou os criterios fundamentais: «Non resulta axustado a Dereito que todas as xefaturas de servizo se provean por libre designación sen que se exteriorice unha xustificación suficiente no procedemento de elaboración das relacións de postos de traballo nin na súa memoria acerca de que tales postos impliquen a especial responsabilidade determinante da súa cobertura mediante este sistema excepcional. A mera denominación do posto non xustifica por si soa o sistema de provisión elixido».

A STS de 13 de xuño de 2012 (Rec. 401/2009) engade que a xustificación, para ser considerada suficiente, «esixe describir as concretas circunstancias e cometidos concorrentes no posto de que se trate que permitan valorar se é ou non de apreciar no mesmo o carácter directivo ou a especial responsabilidade dos que depende a validez do sistema de libre designación, e que non bastan a estes efectos fórmulas estereotipadas ou a mera denominación aplicada ao posto».

Toda a argumentación exposta nos parágrafos anteriores con respecto ao posto 2293 vese reforzada polo feito de que con data 24 de xullo de 2026 publícase a convocatoria de cobertura temporal en comisión de servizos deste posto e neste anuncio figura como anexo a ficha do manual de funcións pero non a ficha que correspondería ao posto 2293 si non a ficha coas funcións do posto 1795 de Xefatura de Servizo de Infraestructuras.

As normas de xestión da RPT (BOP-19/08/2020) indican no artigo 3 que todos os postos deben ter unha ficha no manual de funcións. Xunto coa modificación puntual da RPT non se elaborou nin se someteu a negociación a ficha do manual de funcións para este posto, polo que carece de funcións propias, e o que o goberno municipal denomina “funcións” no informe proposta de aprobación inicial da RPT non se poden considerar como tal si non como posibles tarefas do posto.

Pois ben, a motivación ofrecida polo Concello para este novo posto resulta insuficiente:
1. O recoñecemento expreso de «funcións comúns»: O propio informe-proposta admite que o posto «adscríbese á escala de Administración Xeral, xa que implica, con carácter xeral,
o desempeño de funcións comúns ao exercicio da actividade administrativa». Esta confesión desautoriza a excepcionalidade da libre designación. As funcións administrativas comúns, de xestión regrada e tramitación de contratación, constitúen o paradigma indiscutible do concurso de méritos.
2. Inaplicabilidade do precedente da Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña de 31/10/2024: O informe-propuesta invoca unha sentenza sobre a Xefatura de Turismo, Comercio, Mercados e Hostalería, onde a libre designación se considerou xustificada por xestionar «información especialmente reservada, entre a que se atopa a relativa ás actuacións de protocolo, cerimonial e relacións públicas». É evidente que a Xefatura de Xestión Administrativa de Infraestruturas non realiza funcións de protocolo, cerimonial nin relacións públicas.
3. O Plan de Contratación Anual non é información reservada: O artigo 28.4 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSP), impón a obriga legal de publicar o Plan de Contratación no Perfil do Contratante e no Portal de Transparencia. É un fraude de lei pretender amparar a opacidade da libre designación na suposta «reserva» dunha información que, por mandato legal, é obrigatoriamente pública e accesible para a cidadanía.
4. Ausencia de titulación específica: O posto non esixe ningunha titulación académica concreta, requiríndose unicamente pertencer á Escala de Administración Xeral. Se as funcións
implicasen verdadeiramente asesoramento en decisións «de fondo non regrado», de alto compoñente estratéxico, a RPT acoutaría o posto a titulacións específicas. Ao abrilo de forma
xenérica, a propia Administración recoñece que se trata dunha xefatura de servizo de carácter burocrático, polivalente e ordinario.


TERCEIRA.- NULIDADE DO CAMBIO A LIBRE DESIGNACIÓN DOS POSTOS DE XEFATURA DE SERVIZO DE XESTIÓN TRIBUTARIA (REF. 0104), CONTRATACIÓN (REF. 0258) E CONCESIÓNS E PATRIMONIO MUNICIPAL (REF. 2174)


3.1. Doutrina xurisprudencial aplicable: a SSTSJ Galicia n.º 211/2026, de 8 de abril (Rec. 448/2025)
A Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia n.º 211/2026, do 8 de abril de 2026 (Recurso de apelación n.º 448/2025), ditada pola Sección 1ª da Sala do Contencioso-Administrativo con sede na Coruña, constitúe un precedente xudicial directamente aplicable ao presente caso.
A devandita sentenza estimou o recurso de apelación interposto por CSIF contra a modificación da RPT da Excma. Deputación Provincial da Coruña, declarando non conforme a Dereito e anulando a modificación do sistema de provisión da Xefatura do Servizo de Patrimonio e Contratación, que pasaba de concurso a libre designación.
Os criterios xurídicos establecidos pola STSJ Galicia n.º 211/2026 que resultan directamente trasladables ao presente suposto son os seguintes:

A) Carácter excepcional da libre designación e carga da motivación.

A sentenza recorda que «o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo» e que «excepcionalmente, poden pro verse polo sistema de libre designación aqueles postos de traballo de especial responsabilidade ou cualificación profesional que se determinen nas relacións de postos de traballo atendendo a criterios legais». Engade que «é preciso xustificar expresamente, describindo as concretas circunstancias e cometidos concorrentes no posto, os motivos polos que se opta polo sistema extraordinario de libre designación fronte ao ordinario do concurso».

B) As funcións comúns ás xefaturas de servizo non xustifican a libre designación.

A sentenza analiza o Catálogo de funcións dos postos da Deputación Provincial e conclúe que «as funcións son comúns a todas as Xefaturas de Servizo. As funcións de dirección e xestión, e a responsabilidade administrativa e presupostaria veñen, todas elas, referidas á unidade específica».


O feito de que «unha xefatura de servizo sempre implique a actividade de coordinación e mando sobre os postos de traballo que integran o servizo administrativo» —como sostiña a Deputación— non xustifica o sistema excepcional de libre designación, pois tal nota é común a todas as xefaturas.

C) A transversalidade, a presidencia de comités e a participación en mesas de contratación non son criterios válidos.

A sentenza rexeita expresamente os argumentos utilizados pola Deputación Provincial:
 Carácter transversal: «A Administración non define o "carácter transversal" (...); en todo caso, non di que diferenza, desde o punto de vista da "transversalidade", o posto de Xefatura de Servizo de Patrimonio e Contratación e outras Xefaturas de Servizo (...). O acordo impugnado di que "tampouco se trata de indagar na causa pola que a Deputación considera que unha xefatura se ha de dotar polo sistema de libre designación e outras non"; non o explica, e, claro está, é de relevancia».
 Coñecemento excepcional en materia de contratos: «A capacidade técnica ou os coñecementos, técnicos, en materia de contratación —certamente, complexa, técnica e regrada na LCSP— demóstranse normalmente nun concurso de méritos».
 Presidencia de comité ou mesa de contratación: «A importancia ou moita responsabilidade que a Administración atribúe á tarefa de presidir un comité antifraude ou unha mesa de contratación non son criterios legais para a provisión dun posto dunha Deputación Provincial polo sistema de libre designación».
 Rigor, coñecementos e honestidade: «O "rigor, coñecementos e contrastada honestidade no desempeño das súas funcións" presupóñense, estes si, en quen ocupa un posto en virtude dun sistema ordinario de provisión».

D) O carácter directivo esixe autonomía real de decisión, non mera coordinación.

A sentenza acolle a argumentación de CSIF sobre que «o carácter directivo tamén se exclúe na medida en que o posto en cuestión dependa dun órgano directivo, sendo este o que realmente exerza as funcións directivas» e que «as funcións de coordinación, valoración e proposta, nin as funcións de supervisión, implantación, execución ou seguimento das actuacións sinaladas polos órganos superiores» non xustifican a libre designación.

E) A ausencia de cambio de circunstancias do posto vicia a modificación.

A sentenza sinala que «non hai constancia no expediente do cambio de circunstancias do posto de traballo: nin os informes nin os acordos expresan as razóns da variación do sistema na RPT 2024».

F) Carga da proba: correspóndelle á Administración xustificar a excepcionalidade.

A sentenza establece que «planteada a impugnación do sistema de libre designación establecido para a provisión de determinados postos, é á Administración á que corresponde identificar e xustificar, nos termos que a xurisprudencia vén esixindo, as singulares razóns polas que optou por dito sistema en cada un dos postos controvertidos».


3.2. Aplicación da doutrina aos postos de xefatura de servizo 0104, 0258 e 2174 Os tres postos de xefatura de servizo cuxa forma de provisión se modifica —pasando de concurso
específico a libre designación— levan creados moitos anos, sen que nada mudase desde a súa creación en canto ás funcións desempeñadas:

 O posto 2174 (Xefatura de Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal) e o posto 0258 (Xefatura de Servizo de Contratación) non teñen ficha propia no manual de funcións,
aplicándoselles a ficha xenérica de Xefatura de Servizo (páxina 2 do manual).
 O posto 0104 (Xefatura de Servizo de Xestión Tributaria) ten ficha propia no manual de funcións (páxina 37), pero as funcións descritas son exactamente as mesmas que para
outras xefaturas de servizo que manteñen como forma de provisión o concurso específico (v.g., Xefatura de Servizo de Disciplina Urbanística, páxina 35; Xefatura de Servizo de Medio
Ambiente, páxina 36), limitándose a substituír o ámbito competencial de referencia.

Nos tres casos, a ficha describe funcións de «natureza técnica, de xestión, estudo e proposta ao nivel superior», coa cláusula peche de «calquera outra tarefa de similar natureza que lle sexa encomendada polo seu superior xerárquico».

Aplicando a doutrina da STSJ Galicia n.º 211/2026, concorre unha ausencia absoluta de cambio de circunstancias que xustifique a modificación do sistema de provisión. Os postos levan exercendo as mesmas funcións durante anos co sistema de concurso específico, sen que a Administración acredite —nin poida acreditar— que as circunstancias mudaron.

Ademais, a ningún dos tres postos se lle esixe titulación específica, o que desmonta a pretensión de que requiren unha «especial cualificación profesional». Dous deles (0104 e 0258)
están abertos ás escalas AX/AE, e os tres están abertos a persoal de calquera Administración Pública (TD), polo que a variedade de perfís profesionais que poderían ocupar estes postos é inmensa. Se as funcións implicasen verdadeiramente un asesoramento de «fondo non regrado» ou de alto compoñente estratéxico, a RPT esixiría titulacións específicas habilitantes.


Esta sección sindical presentou alegacións en data 6 de xullo de 2026 contra a aprobación inicial da RPT no prazo concedido ao efecto, mediante notificación de data 17 de xullo de 2026 o Concello da Coruña desestima todas as alegacións presentadas por esta sección sindical. As motivacións expostas polo Concello da Coruña para desestimar as alegacións presentadas non fan mais que reafirmar a motivación para a presentación do presente recurso de reposición, mais concretamente neste terceiro apartado :


Alega o concello que todos os postos de xefatura de servizo están singularizados, ningún destes postos esta singularizado na actual RPT do Concello da Coruña.
Alega o concello da Coruña que a Sección sindical da CIG coñece a postura do goberno municipal: efectivamente o goberno municipal transmitiunos reiteradamente que quere que todas as xefaturas de servizo teñan como forma de provisión libre designación, pero esta postura non ten encaixe legal xa que é unha forma de provisión de carácter excepcional, xa que a forma de provisión deste tipo de postos é o concurso específico.


3.3. Refutación singularizada da motivación de cada posto


A) Xefatura do Servizo de Xestión Tributaria (ref. 0104).

A motivación do Concello (páxinas 28 e seguintes do informe de 13 de maio de 2026) pretende xustificar a libre designación na «especial responsabilidade por axudar na toma de decisións dos órganos políticos en aplicación de criterios e directrices políticas» e na «especial responsabilidade por manexar información reservada do Concello e colaborar na toma de decisións de órganos de goberno».


Porén, a materia tributaria é unha materia totalmente regrada e taxada polo texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (RDL 2/2004, de 5 de marzo) e demais lexislación tributaria. A marxe de decisión discrecional que se pretende xustificar —en canto a tipos impositivos e beneficios fiscais— é mínima e, en todo caso, exércese dentro do establecido na ficha do manual de funcións, que fala de «funcións de natureza técnica, de xestión, estudo e proposta ao nivel superior».


A participación na elaboración de ordenanzas fiscais, a asistencia ás comisións informativas do Pleno e a elaboración do Plan de Inspección Tributaria son funcións de pura xestión administrativa, que non requiren dunha «especial confianza» diferente da que é esixible a calquera funcionario público no exercicio das súas funcións. A elaboración do Plan de Inspección Tributaria, que a normativa cualifica como «reservado», non é unha función extraordinaria de especial confianza política: é un deber xeral de confidencialidade inherente a todos os empregados públicos (artigo 53.12 do TREBEP).


B) Xefatura do Servizo de Contratación (ref. 0258).

A motivación do Concello (páxinas 32 e seguintes do informe) insiste na complexidade técnica da LCSP, no carácter «estratéxico» da contratación e na «especial responsabilidade e confianza» derivada da centralización da xestión contractual.

Con todo, a STSJ Galicia n.º 211/2026 xa rexeitou argumentos practicamente idénticos formulados pola Deputación Provincial da Coruña para un posto análogo. A sentenza declara que «a capacidade técnica ou os coñecementos, técnicos, en materia de contratación —certamente, complexa, técnica e regrada na LCSP— demóstranse normalmente nun concurso de méritos» e que «formar parte dunha Mesa de contratación sería unha función máis do Xefe de Patrimonio e Contratación. A Mesa de contratación tamén é un órgano de asistencia técnica especializada coas funcións que lle atribúe a LCSP —de estudo das ofertas e proposta de adxudicación, que non de decisión—».

A pesar do detalle co que o informe municipal describe as funcións do posto en materia de elaboración de pregos, a realidade é que a contratación pública é unha materia intensamente regrada, onde a marxe de discrecionalidade administrativa é mínima e está rigorosamente encadrada nos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e transparencia (artigos 1 e 132 da LCSP).

Ademais, non se esixe ningunha titulación específica para o posto, o que contradí abertamente a pretensión de que require un «alto grao de coñecemento técnico-xurídico». Se tal
coñecemento fose realmente determinante, a RPT pecharía o posto a titulacións xurídicas concretas (Dereito).


C) Xefatura do Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal (ref. 2174).

A motivación do Concello (páxinas 33 e seguintes do informe) pretende xustificar a libre designación na «especial cualificación profesional que require a xestión patrimonial e concesional das Entidades Locais sometida a un complexo marco normativo» e na «especial responsabilidade (...) por participar no establecemento das bases do funcionamento xeral de todas as concesións do Concello».

Ocorre, porén, exactamente o mesmo que nos casos anteriores: trátase dun posto que leva exercendo as mesmas funcións desde a súa creación sen variacións, e cuxa complexidade normativa —común a moitas outras xefaturas de servizo que se proveen por concurso específico— non xustifica o recurso ao sistema excepcional da libre designación. A referencia a funcións como «planificación plurianual do sistema concesional», «reordenación estratéxica» ou «control económico e disciplinario» non son máis que descricións xenéricas de funcións de calquera xefatura de servizo, que non acreditan a concorrencia do plus de especial responsabilidade esixido pola xurisprudencia.


CUARTA.- AS DIRECCIÓNS DE ÁREA DO CONCELLO DA CORUÑA NON SON ÓRGANOS DE DECISIÓN POLÍTICA, SENÓN QUE EXERCEN FUNCIÓNS DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA


O informe-proposta pretende xustificar a aplicación da libre designación ás xefaturas de servizo baseándose na doutrina da Sentenza do Tribunal Supremo n.º 617/2025, do 22 de maio (Rec. 849/2023), que sinala que os órganos directivos nas entidades locais de gran poboación «aproxímanse máis ao sistema de altos cargos do Estado e non ao modelo de dirección propio da alta función pública profesional, isto é, máis na esfera de decisión política que da organización e xerarquía administrativa». A partir desta premisa, o Concello conclúe que
«existe unha vinculación moi próxima, directa e inmediata, entre a actividade profesional dos postos de xefatura de servizo e os órganos superiores e directivos da organización municipal».

Esta argumentación é de todo falsa e non se corresponde coa realidade do funcionamento das Direccións de Área do Concello da Coruña. As direccións de área do Concello da Coruña exercen, de forma ordinaria e cotiá, funcións de xestión administrativa, tales como:

 Asistencia ás mesas técnicas de traballo cos representantes sindicais (v.g., acta da mesa técnica de concurso xeral e específico de 16 de febreiro de 2024, con asistencia de tres
directores de área diferentes).
 Envío polos propios directores de área das convocatorias das mesas técnicas (v.g., correo electrónico de 14 de febreiro de 2024 convocando mesa técnica para o día 16).
 Elaboración de informes en expedientes disciplinarios e en expedientes de comisións de servizo.
 Asistencia ao grupo de traballo de riscos psicosociais do Comité de Seguridade e Saúde de Servizos Sociais.
 Asistencia ás sesións da Comisión de Avaliación e Seguimento das Listas de Agarda.
 Participación na xestión dos actos de elección de destino dos funcionarios municipais, como por exemplo na elección de destino do último proceso selectivo de administrativos, subgrupo C1.
 Elaboración de oficios e índice de documentación de expedientes administrativos remitidos ao xuzgado, como por exemplo no procedemento xudicial ETJ 0000008/2024 PA 0000158/2021, N.I.G:15030 45 3 2021 0000546

Ademais, o número de directores de área no Concello da Coruña duplicouse, pasando de 9 no ano 2018 a 18 no ano 2026. Existe, polo tanto, número máis que suficiente de persoal directivo para exercer funcións de dirección e coordinación, sen necesidade de trasladar este carácter ás xefaturas de servizo.

Non son as xefaturas de servizo as que exercen funcións directivas, senón as direccións de área, que neste Concello non son órganos de decisión política senón que realizan funcións de xestión administrativa ordinaria.

Esta sección sindical presentou alegacións en data 6 de xullo de 2026 contra a aprobación inicial da RPT no prazo concedido ao efecto, mediante notificación de data 17 de xullo de 2026 o Concello da Coruña desestima todas as alegacións presentadas por esta sección sindical. As motivacións expostas polo Concello da Coruña para desestimar as alegacións presentadas non fan mais que reafirmar a motivación para a presentación do presente recurso de reposición, mais concretamente neste cuarto apartado :

Alega o Concello da Coruña que a participación das direccións de área nas mesas técnicas e nos grupos de traballo deben entenderse como un rol “indirizzo político institucional”, cando a realidade é que nas mesas técnicas e nos grupos de traballo trabállense cuestións meramente técnicas tales como cuadrantes horarios do persoal, determinación de tarefas, bases de concurso, medidas correctoras das avaliacións de riscos psicosociais etc participando plenamente en todas esta cuestións técnicas cun papel de xestión administrativa totalmente afastado do rol de “indirizzo político institucional”.


QUINTA.- OS CRITERIOS DE EXCEPCIONALIDADE DO ARTIGO 17.4 DAS NORMAS DE XESTIÓN DA RPT NON CONCORREN NOS POSTOS IMPUGNADOS


O artigo 17.4 das Normas de Xestión da RPT do Concello da Coruña (BOP núm. 133, do 19/08/2020; BOP núm. 84, do 04/05/2022) enumera os criterios de excepcionalidade que permiten a provisión por libre designación. A Administración invoca —de forma xenérica e sen a debida motivación individualizada— os criterios das letras a) e e) do devandito precepto.


A) Criterio da letra a): especial responsabilidade por xestionar información especialmente reservada.

Este criterio esixe que a información xestionada polo posto poña en risco a seguridade do Concello en caso de difusión («pois a súa difusión pode xerar importantes problemas de seguridade para o Concello»). O artigo 17.4.a) enumera catro supostos taxados:

1. Actuacións de protocolo, cerimonial e relacións públicas da Alcaldía.
2. Información estratéxica para a toma de decisións de órganos superiores do Goberno Local.
3. Responsable da preparación da orde do día e das convocatorias e documentación dos expedientes que se eleven ao Pleno e á Xunta de Goberno Local.
4. Asesoramento e dependencia directa dun órgano superior.

Ningún dos catro postos impugnados realiza funcións de protocolo, cerimonial ou relacións públicas (suposto 1). Tampouco son responsables da preparación da orde do día do Pleno ou da Xunta de Goberno Local (suposto 3). En canto aos supostos 2 e 4, todas as xefaturas de servizo, pola súa propia natureza, manexan información para a toma de decisións e asesoran aos órganos superiores. De aceptarse este argumento, calquera xefatura de servizo debería pro verse por libre designación, o que desnaturalizaría o sistema e convertería a excepción en regra xeral, contra a doutrina xurisprudencial consolidada.


B) Criterio da letra e): axuda á toma de decisións con instrumentos de contido de fondo non regrado.

Este criterio «afecta os casos de responsabilidade directa sobre a toma de decisións para a elaboración de instrumentos de organización, de carácter económico e de plan e ordenación». A Administración pretende encaixar neste suposto funcións tales como a planificación de inversións, a elaboración de propostas de instrucións e directrices, ou o establecemento de obxectivos do servizo.

No entanto, tales funcións son comúns a todas as xefaturas de servizo, que teñen como misión xenérica —segundo o Catálogo de funcións— «propoñer e determinar os obxectivos e plans do Servizo aliñándoos cos obxectivos establecidos para o seu ámbito competencial» e «propoñer a realización de cantos estudos, propostas ou informes considere oportunos para o bo funcionamento do Servizo».

A Administración non explica —nin pode explicar— que diferenza estas funcións das que realizan outras xefaturas de servizo que se proveen por concurso específico. Esta ausencia de diferenciación, á luz da STSJ Galicia n.º 211/2026, é determinante da nulidade da modificación.


SEXTA.- AUSENCIA DE CAMBIO DE CIRCUNSTANCIAS E PETRIFICACIÓN INXUSTIFICADA DA RPT


A xurisprudencia do Tribunal Supremo vén sinalando que a RPT «debe ter un carácter flexible, co fin de conseguir unha maior eficacia e eficiencia organizativa, adaptándose, en cada momento, ás necesidades da administración» (STS do 12 de marzo de 1990). Pero esta flexibilidade non pode servir de coartada para modificacións arbitrarias ou inmotivadas.

Nos tres postos cuxa forma de provisión se modifica (0104, 0258 e 2174), non se produciu ningún cambio organizativo, funcional ou competencial que xustifique o tránsito do concurso
específico á libre designación:

 As funcións son exactamente as mesmas desde hai anos.
 As fichas do manual de funcións non sufriron modificación algunha.
 Non se modificou a estrutura orgánica na que se integran.
 Non se produciu ningunha ampliación competencial relevante.

A STSJ Galicia n.º 211/2026 outorga a esta circunstancia unha relevancia decisiva: «non hai constancia no expediente do cambio de circunstancias do posto de traballo: nin os informes nin os acordos expresan as razóns da variación do sistema na RPT 2024». No noso caso, a RPT 2026 tamén carece de tal xustificación.

Esta sección sindical presentou alegacións en data 6 de xullo de 2026 contra a aprobación inicial da RPT no prazo concedido ao efecto, mediante notificación de data 17 de xullo de 2026 o Concello da Coruña desestima todas as alegacións presentadas por esta sección sindical. As motivacións expostas polo Concello da Coruña para desestimar as alegacións presentadas non fan mais que reafirmar a motivación para a presentación do presente recurso de reposición, mais concretamente neste sexto apartado :

Alega o Concello que os postos de Xefatura do Servizo de Xestión tributaria e de Xefatura de Servizo de Contratación foron incorporados á RPT inicialmente no ano 2008 co sistema de provision de libre designación.

O que parece obviar o Concello da Coruña é que no ano 2015 se produce un cambio lexislativo coa aprobación da Lei de emprego público de Galicia que introduce o concurso específico como forma de provisión e delimita moi claramente a libre designación como un modo de provisión de carácter absolutamente excepcional para as Xefaturas de Servizo, obrigando á modificación da forma de provisión das Xefaturas de Servizo na RPT do Concello da Coruña a concurso específico.


SÉTIMA.- VULNERACIÓN DOS PRINCIPIOS DE IGUALDADE, MÉRITO E CAPACIDADE (ARTS. 14 E 23.2 CE)


O artigo 78.1 do TREBEP establece que as Administracións Públicas proverán os postos de traballo «mediante procedementos baseados nos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade». O artigo 79 do mesmo texto legal configura o concurso como o «procedemento normal de provisión».

Ao estenderse a libre designación a postos que non reúnen os requisitos legais e xurisprudenciais para a súa aplicación, redúcese inxustificadamente o ámbito do concurso, limitando o acceso dos funcionarios de carreira á carreira profesional en condicións de igualdade. Como sinala o Tribunal Supremo, o uso inxustificado da libre designación vulnera «o dereito dos funcionarios á súa carreira profesional, e ocupar os postos de traballo en función do mérito e capacidade, e incluso polo principio de eficiencia e economía que debe rexer na actividade administrativa» STS de 5 de xuño de 2009 (Rec. 3421/2006), citada na STS de 13 de setembro de 2012 (Rec. 6496/2011).

Esta sección sindical presentou alegacións en data 6 de xullo de 2026 contra a aprobación inicial da RPT no prazo concedido ao efecto, mediante notificación de data 17 de xullo de 2026 o Concello da Coruña desestima todas as alegacións presentadas por esta sección sindical. As motivacións expostas polo Concello da Coruña para desestimar as alegacións presentadas non fan mais que reafirmar a motivación para a presentación do presente recurso de reposición, mais concretamente neste setimo apartado :

Alega o Concello da Coruña que a provisión por LD no Concello da Coruña non vulnera os principios de igualdade, mérito e capacidade xa que é excepcional, que representa unha porcentaxe ínfima en relación a todos os postos de traballo que integran a RPT do concello na contorna do 3,53%.

De novo parece obviar o Concello da Coruña que a provisión por libre designación non pode aplicarse legalmente á totalidade dos postos que conforman a RPT, polo tanto a porcentaxe debería calcularse sobre a totalidade de postos aos que se lle pode aplicar o sistema de libre designación e non sobre todos os postos que conforma a RPT.

Nos postos de Xefatura de Servizo o 57% están cubertos en libre designación, o que racharía co concepto de excepcionalidade recollido na lexislación e nas normas de xestión do Concello da Coruña.


OITAVA.- IMPOSIBILIDADE DE SUBSUNCIÓN NO ARTIGO 17.4 DAS NORMAS DE XESTIÓN DA RPT POR FALTA DE TITULACIÓN ESPECÍFICA


A ausencia de titulación específica esixida para os tres postos cuxa forma de provisión se modifica constitúe un impedimento lóxico e xurídico para a aplicación da libre designación.
O artigo 17.4.f) das Normas de Xestión da RPT contempla como criterio de excepcionalidade «a cualificación profesional especial requirida para o desempeño de determinados postos de traballo por razóns de calidade artística ou de recoñecida autoridade e experiencia en áreas de coñecemento de ámbito municipal».

Se a Administración considerase que os postos de Xefatura de Servizo de Xestión Tributaria, Contratación e Concesións requiren unha «especial cualificación profesional», a RPT debería acoutar tales postos a titulacións específicas (Dereito, Ciencias Económicas, etc.). Ao non facelo —abrindo os postos de forma xenérica ás escalas AX/AE e a persoal de calquera Administración Pública—, a propia Administración recoñece que se trata de postos de carácter burocrático e polivalente, cuxa provisión debe rexerse polo sistema ordinario de concurso.

En virtude de todo o exposto,

SOLICITA

Primeiro.-Que se teña por presentado este RECURSO POTESTATIVO DE REPOSICIÓN, de acordo co previsto na Lei 39/2015 do 1 de Outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e que, tralos trámites legais oportunos se dite resolución pola que se declare contrario a dereito e se modifique o anuncio publicado no BOP arriba mencionado relativo á aprobación definitiva da modificación puntual da RPT do Concello da Coruña.

Segundo.- Que, previos os trámites legais oportunos, se dite resolución pola que se estimen integramente as presentes alegacións, declarando a nulidade de pleno dereito —ou,
subsidiariamente, a anulabilidade— dos seguintes extremos da modificación puntual da RPT:

a) A creación do posto de Xefatura do Servizo de Xestión Administrativa de Infraestruturas (referencia 2293) e o establecemento da libre designación con convocatoria pública como o seu sistema de provisión.

b) A modificación do sistema de provisión a libre designación con convocatoria pública dos seguintes postos de traballo:
 Xefatura do Servizo de Xestión Tributaria (referencia 0104).
 Xefatura do Servizo de Contratación (referencia 0258).
 Xefatura do Servizo de Concesións e Patrimonio Municipal (referencia 2174).

Terceiro.- Subsidiariamente ao apartado anterior, que se declare a nulidade do procedemento de aprobación da modificación puntual da RPT por vulneración do dereito á negociación colectiva, ordenando a retroacción das actuacións ao momento anterior á Mesa Xeral de Negociación, con entrega da documentación completa e con antelación suficiente.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

I COMPETENCIA.- En canto á competencia, é competente o órgano ao que me dirixo por ser o mesmo que ditou a resolución que agora se impugna, tal e como dispón o artigo 123.1 da lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento administrativo Común das Administracións Públicas.
II LEXITIMACIÓN.- Ostento a lexitimación que como representante da CIG confire a LOLS no seu artigo 6 aos sindicatos que ostentan a condición de mais representativos.
III PROCEDEMENTO.- en canto as formalidades do procedemento o presente recurso cumpre cos requisitos que esixen expresamente os artigos 123 e 124 da mencionada lei 39/2015.

Na Coruña, á data da sinatura electrónica.

Categoría: INICIO
Visitas: 126