XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX, con DI XXXXXXXXXXXX e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello da Coruña, no procedemento correspondente á convocatoria para a cobertura, mediante oposición libre, de dúas prazas de Técnico/a Superior de Delineación (Grupo B), publicada no BOP da Coruña do día 5 de agosto de 2026,
EXPÓN
Primeiro.— Mediante anuncio publicado no BOP da Coruña do día 5 de agosto de 2026 aprobáronse as bases específicas que rexen a convocatoria para a cobertura de dúas prazas de Técnico/a Superior de Delineación.
Segundo.— A base terceira establece como requisito de titulación estar en posesión dalgún dos seguintes títulos:
Técnico Superior en Proxectos de Edificación.
Técnico Superior en Proxectos de Obra Civil.
Técnico Superior en Deseño e Fabricación Mecánica.
Técnico Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia.
Ou titulación equivalente que habilite para o exercicio da profesión de delineante.
Terceiro.— As tres primeiras titulacións pertencen a familias profesionais directamente vinculadas á delineación técnica, á representación gráfica, á elaboración de documentación técnica e ao desenvolvemento de proxectos de edificación, obra civil ou fabricación mecánica.
Pola contra, o título de Técnico Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia, regulado polo Real Decreto 174/2013, pertence á familia profesional de Artes Gráficas, tendo como competencia xeral o deseño de produtos gráficos, a edición de publicacións impresas e electrónicas e a organización da produción editorial, sen que a súa competencia profesional se refira á elaboración de planos técnicos, replanteos, medicións, representación gráfica de proxectos de enxeñaría ou arquitectura nin ás restantes funcións propias da delineación técnica.
Cuarto.— A propia Relación de Postos de Traballo municipal describe as funcións dos postos de Delineante como tarefas consistentes, entre outras, na medición e toma de datos, cálculo de magnitudes para proxectos e orzamentos, delineación de planos, croquis, perspectivas, proxeccións, replanteos, elaboración de proxectos de delineación, actualización permanente de planos, utilización de sistemas de información xeográfica e colaboración cos técnicos superiores na elaboración de proxectos.
Existe, por tanto, unha correspondencia evidente entre tales funcións e os perfís profesionais dos títulos de Proxectos de Edificación, Proxectos de Obra Civil e Deseño e Fabricación Mecánica, non apreciándose esa mesma conexión obxectiva respecto do título de Técnico Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia.
Quinto.— A convocatoria non incorpora motivación ningunha que explique a razón pola que esta última titulación se considera habilitante para o acceso á praza convocada nin a relación existente entre as competencias profesionais propias dese título e as funcións inherentes á praza de Técnico Superior de Delineación.
Sexto.— Ademais, a propia base terceira limita expresamente o concepto de titulación equivalente ás que viñeron substituír as antigas titulacións como consecuencia das sucesivas reformas educativas, o que evidencia que o criterio seguido pola convocatoria pretende ser o da continuidade das titulacións propias da especialidade de delineación, criterio que resulta difícil de conciliar coa inclusión dunha titulación pertencente a unha familia profesional distinta e cun perfil profesional alleo ao ámbito da delineación técnica.
FUNDAMENTOS XURÍDICOS
Primeiro. Competencia e procedemento.
Resulta de aplicación o disposto nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, así como o previsto nas propias bases da convocatoria.
Segundo. Principios constitucionais de acceso ao emprego público.
Os artigos 23.2 e 103.3 da Constitución Española garanten o acceso á función pública de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade.
Pola súa parte, o artigo 9.3 da Constitución proclama a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos, principio plenamente aplicable á determinación dos requisitos de acceso aos procesos selectivos.
Terceiro. Adecuación dos requisitos ás funcións da praza.
O artigo 55 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público establece que os procesos selectivos deberán desenvolverse garantindo, entre outros principios, a adecuación entre o seu contido e as funcións ou tarefas a desenvolver.
Así mesmo, o artigo 56.3 do mesmo texto legal permite establecer requisitos específicos sempre que garden unha relación obxectiva e proporcionada coas funcións asumidas e coas tarefas a desempeñar.
Da interpretación conxunta destes preceptos despréndese que as titulacións admitidas nun proceso selectivo deben responder a un criterio obxectivo de idoneidade respecto das funcións propias da praza convocada.
Cuarto. Falta de motivación da inclusión da titulación de Técnico Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia.
As bases non ofrecen motivación algunha que permita comprender por que unha titulación pertencente á familia profesional de Artes Gráficas, cuxa competencia xeral oficial se centra no deseño editorial e na produción gráfica, resulta adecuada para o desempeño dunha praza cuxas funcións consisten esencialmente na delineación técnica, representación gráfica de proxectos, medicións, replanteos e elaboración de documentación técnica.
Tal ausencia de motivación impide verificar a adecuación da titulación ás funcións da praza e resulta incompatible cos principios de mérito, capacidade e interdicción da arbitrariedade.
Quinto. Incoherencia coa propia organización municipal.
Sen prexuízo de que a convocatoria teña por obxecto prazas e non postos concretos, resulta significativo que a propia organización municipal identifique esa titulación, dentro da súa táboa de titulacións, co código B03/2, correspondente á familia profesional de Artes Gráficas, vinculándoa aos postos de Creativo, mentres que os postos de Delineación aparecen asociados a códigos de titulación distintos.
Aínda que esta circunstancia non determina por si soa a ilegalidade da convocatoria, constitúe un indicio obxectivo da necesidade dunha motivación reforzada para xustificar a inclusión desa titulación entre as habilitantes para unha praza de Delineación, motivación que non figura nas bases.
SOLICITA
Que, tendo por presentado este escrito, se admita e, previos os trámites oportunos, se estime o presente recurso, declarando non conforme a Dereito a inclusión do título de Técnico Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia entre as titulacións habilitantes previstas na base terceira da convocatoria, procedendo á súa supresión ou, subsidiariamente, á motivación expresa da súa adecuación ás funcións propias da praza convocada, con retroacción das actuacións ao momento de aprobación das bases para a súa oportuna rectificación.
Na Coruña, na data da sinatura electrónica do documento