A/A INSPECCIÓN PROVINCIAL DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL DA CORUÑA

Ana Isabel Filgueiras Espasandín, con DI xxxxxxxx e enderezo para os efectos de notificación no Pazo de María Pita, locais sindicais da CIG, na súa condición de secretaria da sección sindical da CIG no Concello da Coruña

EXPON:

No centro de traballo da Casa de Acollida Municipal traballan na actualidade 10 auxiliares da rede de acollida, das que so 1é funcionaria de carreira, 7 son funcionarias interinas mediante un programa temporal de emprego, e 2 están contratadas por acumulación de tarefas. Os postos de auxiliar levan cubríndose mediante programas temporais dende hai anos.

O Concello da Coruña está utilizando os programas temporais de emprego de maneira fraudulenta para a cobertura de postos de carácter estrutural.

A Orde do 1 de abril de 1997 (DOG NÚM 96 do 21 de maio de 1997) da Consellería de familia, muller e xuventude pola que se regulan os requisitos específicos que deberán reunir os centros de acollida para mulleres vítimas de malos tratos é de aplicación ás auxiliares da casa de acollida municipal e nela establecese no apartado B.1 que o persoal auxiliar deberá contar cunha titulación mínima de graduado escolar ou FP1. Na Relación de Postos de Traballo municipal os postos de traballo das auxiliares da casa de acollida están encadrados no subgrupo de agrupacións profesionais aos que non se lles esixe ningún tipo de titulación académica, cando para dar cumprimento á orde do ano 1997 deberían ser reclasificados no subgrupo C2.

Non existe no manual de funcións do Concello da Coruña unha ficha onde se definan as funcións das auxiliares da Casa de Acollida municipal, tan so existen as funcións que se determinan para cada programa de carácter temporal que se executa.

Despois de varias solicitudes tanto pola Sección sindical da CIG no concello da Coruña como da Xunta de Persoal tiveron lugar 2 mesas técnicas no ano 2025, onde se abordaron situacións conflitivas que afectaban ás traballadoras municipais e se traballou nas funcións do posto de auxiliar da casa de acollida.

Dende o mes de novembro de 2025 non houbo ningunha outra convocatoria de mesa técnica para continuar abordando a problemática das auxiliares da CAM, a pesar de que había un acordo para ter a seguinte reunión no primeiro trimestre do ano 2026.

Este persoal traballa en turnos rotatorios en quendas da mañán, tarde e noite durante os sete días da semana xa que se trata dun servizo residencial onde viven mulleres usuarias e menores. Os cuadrantes horarios nunca foron negociados e as traballadoras conocen o turno que lles corresponde con pouca antelación supoñendo un problema para a conciliación da vida familiar e persoal. É imprescindible a negociación e establecemento dun cuadrante horario de carácter anual.

Tamén é necesario establecer un factor corrector para o horario nocturno atendendo ao establecido na directiva europea 2003/88/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 4 de novembro de 2003 e que xa está establecido para outros traballadores municipais como a Policía Local, o que supón un trato discriminatorio para estas traballadoras.

O número de traballadoras é insuficiente para a cobertura de tres turnos de traballo os 7 días da semana, xenerando problemas para o desfrute de vacacións e permisos.

A falta de persoal suficiente trae tamén como consecuencia que en moitos turnos esté so unha traballadora por turno, xenerando situacións de risco para a sua saúde como acontencida a finais do mes de febreiro de 2025 no que unha

traballadora da CAM sufriu un accidente laboral que precisaba atención médica e non puido recibila ata horas mais tarde xa que nese momento era a única traballadora que se atopaba na casa de acollida e non podía abandonar o seu posto de traballo (acompáñase copia do escrito presentado). Púxose en coñecemento do Concello a necesidade urxente de establecer un protocolo para situacións de emerxencia como a exposta, que todavía non foi elaborado.

A carga mental deste posto é outro factor que inflúe negativamente na saúde das traballadoras e , pese a que fai meses que se fixo unha avaliación de riscos psicosociais a toda a plantilla municipal, está pendente a análise dos resultados por servizos e a adopción de medidas correctoras de ser necesario.

Son habituais as agresións verbais e as intimidacións cara ás traballadoras, trátase dunha situacións sostida no tempo sin que o Concello da Coruña tome medidas, a pesar de que recentemente se aprobou un protocolo contra as agresións externas no traballo.

POLO EXPOSTO, SOLICITO:

1- Que se comprobe pola Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social todo o relatado neste escrito.

2- Que se requira ao Concello da Coruña para que cumpra coas suas obrigas legais de negociación colectiva en todas as cuestións relatadas neste escrito que deben someterse a negociación do persoal auxiliar da casa de acollida municipal: clasificación profesional, funcións do posto de traballo, cuadrantes horarios anuais, factor corrector para o horario nocturno etc

3- Que se requira ao Concello da Coruña para que corrixa a situación fraudulenta de abuso de temporalidade das traballadoras da Casa de Acollida contratadas dende hai anos mediante programas de carácter temporal para postos que son de carácter estrutural.

4- Que se requira ao Concello da Coruña para que dote de persoal auxiliar suficiente para a cobertura dos turnos rotatorios en quendas da mañán, tarde e noite que non supoña menoscabo nos seus dereitos ao descanso obrigatorio entre xornadas, na conciliación da vida persoal e familiar e dereito ao desfrute de permisos e vacacións nas mesmas condicións que o resto do persoal municipal.

5- Que se requira ao Concello da Coruña para que cumpra as suas obrigas legais de seguridade e saúde laboral coa elaboración e aplicación dun protocolo para as situacións de emerxencia na casa de acollida, que tome as medidas correctoras necesarias no relativo aos riscos psicosociais destas traballadoras, que tome as medidas necesarias para evitar as agresións e intimidacións que sufren estas traballadoras.

Na Coruña, na data de sinatura dixital deste documento