Corpo do correo enviado o pasado 6 de xullo

Dende a Sección Sindical da CIG no concello da Coruña queremos poñer no voso coñecemento a actitude rancorosa e vingativa, fascistoide, coa que o sr Lage Tuñas xestiona ao persoal ao servizo deste concello.

Xa con anterioridade fomos testemuñas,  en mesa de negociación, da falta de respecto coa que o sr concelleiro se dirixiu, en varias ocasións, a algunha delegada doutra organización sindical pero a inquiña que dende o principio do exercicio do seu cargo manifestou cara a delegada da CIG, Cristina Díaz, xa roza o patolóxico.

Dende o momento inicial da súa chegada ao goberno municipal vinculou, na súa cabeza, á nosa delegada como responsable de comentarios negativos nas redes sobre a súa persoa, algo que é rigorosamente falso. Dende ese primeiro momento chegou a cuestionarnos que estando a delegada de baixa por IT puidera achegarse ao concello, impedíuselle formar parte de tribunais en procesos selectivos doutros concellos a pesar de ter sido solicitada a súa participación polo propio concello solicitante e o colexio de traballadoras sociais, no seu servizo cuestionáronse e dificultáronse a utilización das horas sindicais e , como a outras delegadas da CIG, impedíuselle acceder a ocupar postos mellor retribuídos nos procesos de cobertura das comisións de servizo alegando a súa falla de idoneidade e mesmo a súa acción sindical.

O recurso e a sentenza a favor da nosa delegada contra a resolución dun destes  procesos, xunto coa loita da CIG contra AS COMISIÓNS DE SERVIZOS ILEGAIS, fixo que o sr Lage, coa colaboración necesaria  dos estómagos agradecidos dos que se rodea, a practica totalidade en COMISIÓN DE SERVIZOS ILEGAL, incluído o instrutor do expediente, iniciara un procedemento sancionador por incumplir o deber de sixilo coa escusa de que a delegada puxo en copia do correo da Sección Sindical da CIG, que ela mesma xestionaba, un correo enviado á xefatura do seu servizo no que figuraban datos de algunha persoa usuaria dos Servizos Sociais, precisamente para tratar de defenderse do acoso que estaba a sofrer. Atopámonos ante uns feitos que o persoal deste concello en xeral,  realizamos de maneira máis ou menos habitual, e no caso da concellería de benestar social, co coñecemento das persoas responsables, pero que só a esta compañeira se lle sanciona, sen apercibimento previo e con ensañamento.

A tramitación deste expediente durou mais de ano e medio e , a pesar de que se recoñece que non se produciron danos a ninguén, se resolve despois do proceso de eleccións municipais coa renovación do goberno do PSOE coa sanción de 15 dias de emprego e soldo por comisión dunha falta grave, nun claro intento de frear a nosa acción sindical en defensa dos intereses de todas e todos vos.

A absoluta falta de respecto dos principios democráticos que están a asomarse na nosa sociedade non é so patrimonio de grupos como VOX. A forma de actuar de individuos coma o Señor Lage Tuñas, prodúcese en calquera tipo de organización na que se integren, aínda que leven nas súas siglas os termos Socialista e Obreiro.

É por este motivo que a CIG, co apoio da Xunta de Persoal, vese na obriga de iniciar unha campaña de mobilizacións e denuncia ante a gravidade destes feitos, e que iniciaremos cunha concentración este venres, ás 11:30, na praza de María Pita e pola que facemos este chamamento para que asistamos a esta importante concentración, en sinal de apoio á nosa compañeira e representante elixida por todas e todos vos, e  demostrándolle ao Señor Lage Tuñas que a vía represiva terá sempre a súa contestación.

ANTE O ODIO E A AMEAZA DAS LIBERDADES, MÁIS SINDICALISMO QUE NUNCA!

 

A CIG denuncia a persecución e a represión a unha delegada da central no Concello da Coruña 6 de xullo

https://www.cig.gal/nova/a-cig-denuncia-a-persecucion-e-a-represion-a-unha-delegada-da-central-no-concello-da-coruna.html

Concentración en María Pita contra a represión sindical a unha delegada da CIG no Concello da Coruña 7 de xullo

https://www.cig.gal/nova/concentracion-en-maria-pita-contra-a-represion-sindical-a-unha-delegada-da-cig-no-concello-da-coruna.html