Considera un anuncio electoralista o incremento salarial do 1% para o persoal das administracións e reclama aumentar o emprego público estábel para garantir uns servizos calidade
Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010.
A paga extraordinaria, por etapas
En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".
De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.
Nesta liña, na batería de reivindicacións presentadas pola CIG durante a xuntanza, solicitouse que nos orzamentos estatais se recolla que as pagas extraordinarias de todos os empregados/as públicos serán completas, para obrigar a Xunta a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos. De modo que, dunha vez, se eliminen as discriminacións salariais que esta a realizar a administración autonómica co seu persoal.
Taxa de cobertura insuficiente
No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.
Esta medida resulta absolutamente insuficiente para a Área Pública da CIG logo de sucesivos anos de destrución de emprego, polo que esixiu ao Goberno que aumente o volume neto do emprego público estábel, cunha forte dimensión social, eliminando as taxas de reposición, mais tamén "impedindo os ERES, mesmo os encubertos, detendo a amortización de prazas e realizando ofertas de emprego público que garantan servizos públicos de calidade".
“É preciso establecer plans de recuperacións para todos os servizos que se encontran en situación de colapso e mesmo xa están desaparecidos", advirte a Área Pública. "As taxas de reposición e as ofertas de emprego público futuras teñen que permitir recuperar os niveis mínimos de persoal que garantan os servizos públicos a toda a cidadanía”.
Fronte a estas propostas continuístas do PP, na Mesa de Negociacións a CIG solicitou a recuperación dos dereitos laborais e salariais subtraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.