A CIG denuncia que a comisión negociadora coa representación sindical creouse co texto elaborado
A sección sindical da CIG do Concello da Coruña amosou o seu rexeitamento ao proceso de elaboración e aprobación do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do persoal municipal ao entender que contén moitas carencias, ademais de ser “pouco ambicioso”. Ao mesmo tempo denuncian que a comisión negociadora coa representación sindical, que só mantivo tres xuntanzas, foi constituída unha vez que o documento xa estaba elaborado.
Dende a CIG do Concello da Coruña explican que o propio Goberno local admitiu nas reunións da comisión negociadora que o III Plan de igualdade tiña moitas carencias, que era pouco ambicioso, que faltaban datos para a súa elaboración e que se fixo nun prazo excesivamente curto. Aínda así, os responsábeis municipais rexeitaron a proposta da central de reiniciar o proceso de elaboración para que o documento fose feito coa necesaria negociación sindical, de xeito participativo e coa implicación de todo o persoal municipal.
Neste senso, denuncian que a comisión negociadora coa representación sindical creouse cando o documento xa estaba elaborado, ademais de que houbo só tres reunións desta comisión coa escusa da posíbel perda dunha subvención.
“Por todo isto comunicóuselle ao Concello que non apoiariamos o plan, xa que o consideramos totalmente impropio dun Goberno supostamente comprometido coa participación e coa igualdade”, rematan.