Bo día a todos/as,

á vista da transcripción que fixeron os medios de comunicación sobre a nota de prensa enviada onte pola CIG en materia de procesos de selección de persoal, para o voso coñecemento enviámosvos a nota integra:

NOTA DE PRENSA

CON ROGO DE PUBLICACIÓN

Dende a Sección Sindical da CIG do Concello da Coruña queremos compartir coa cidadanía o noso malestar e a nosa máis profunda preocupación polo que está acontecendo no noso Concello en relación cos procesos de selección de persoal. Para atallar esta situación cominamos ao Goberno municipal a que realice unha auditoría dos procesos selectivos realizados e da xestión das listas de agarda; que, de ser o caso, se depuren as responsabilidades ás que houbera lugar; e a que se inicien os procesos oportunos para implementar a normativa interna necesaria que imposibilite a repetición de feitos semellantes.

Cuestións como a existencia de erros na preparación loxística ao non buscar espazos onde collan todas e todos os opositores xuntos; permitir acceder con aparatos de telefonía aos lugares onde se realizan as probas; chamadas a algunhas persoas opositoras coaccionándoas para que non se presenten a determinados procesos; introducir criterios de valoración alterando o que determinan as bases dos concursos; resolucións da concelleira de persoal introducindo criterios de xestión das listas de agarda que non foron negociados; ou a propia xestión escurantista destas listas; fan que cada vez sexa máis difícil afirmar que no Concello da Coruña se respectan os criterios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público ou na provisión dos postos de traballo.

Esta dificultade agudízase moito máis cando os resultados benefician a persoas concretas ás que unha gran parte dos seus compañeiros e compañeiras porían á cabeza dunha hipotética listaxe de “beneficiarios”.

A coruña, 13 de xuño do 2017