A sección sindical da CIG presenta denuncia na Fiscalía polas fraudes de lei na provisión de postos do Concello da Coruña

A Coruña, a 22 de maio de 2023

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña vén de rexistrar unha denuncia diante da Fiscalía para que investigue toda unha serie de actuacións feitas polo Goberno municipal na provisión de postos que a central nacionalista considera claros fraudes de lei. A representación da CIG entregou ao Fiscal Xefe da Coruña un dossier no que se describen toda unha serie de situacións irregulares nos nomeamentos e motivacións das comisións de servizo que entende poderían ser constitutivos de delito.

A decisión de acudir á Fiscalía adóptase tras anos de presentar (e gañar) denuncias no Contencioso-Administrativo e reclamar de maneira infrutuosa o cumprimento da legalidade en materia de cobertura de postos. A este respecto, a sección sindical subliña que está cansa da forma na que o concelleiro responsábel de Persoal, José Manuel Lage Tuñas, executa as sentenzas do contencioso, "de como mangonea todo en canto ás provisións de postos e de como castiga a quen se lle pon por diante".

 EN PRIMEIRO LUGAR, QUEN É O SEÑOR LAGE TUÑAS?

O nome do señor Lage Tuñas sae en numerosos artigos sinalado de estar detrás de, por exemplo, ataques ao seu propio partido político nas últimas eleccións autonómicas, a vítima neste caso foi Gonzalo Caballero:

A CUESTIÓN DOS TEMPOS, DAS URXENCIAS E DA FALTA DE TRANSPARENCIA

Este goberno chegou a María Pita no 2019 cunha sentenza sobre 150 CS pendente de executar (cese das mesmas). No lugar de executala, o señor Lage dedicouse a enmarañar a provisión de postos sobre unha situación xa complicada de por si.

Para darlle unha aparencia de legalidade, enterámonos en marzo de 2021 de que  existía unha instrución interna (3/2020) que deixaba aberto calquera nomeamento ao criterio do xefe de turno. Foi a coartada perfecta para darlle un impulso as novas CS.

O CASTELO DE NAIPES VAI CAENDO NOS XULGADOS

  • En abril de 2022 a sentenza do contencioso administrativo nº 4 (0218/2021) declara non conforme tres nomeamentos en CS, porque non houbo transparencia (logo presumen da mesma)
  • En maio de 2022 o TSXG (sentenza nº: 246/2021) anula unha CS ante a falta de motivación en canto á URXENCIA
  • En outubro de 2022 denunciamos en vía administrativa dous asuntos que non foron contestados polo Goberno Municipal:

         1)A paralización dos CONCURSOS ESPECÍFICOS dende abril de 2019 dos postos da máxima responsabilidade para funcionarios (casi 20 xefaturas de servizo). Estes procesos xa tiñan pechado o prazo de presentación de instancias e a non execución provocou situacións tales como que algunha das persoas non puideran ver resolto o proceso por recente xubilación ou mesmo que moitos postos rematasen sendo ocupados en comisións de servizo por persoal que non fixo a solicitude para participar no momento da súa convocatoria (hai catro anos).

          2)A existencia de CS que superan o tempo máximo legalmente establecido (dous anos) e sin CONCURSO á vista.

Ante o silencio do GM tramitamos ambas denuncias no CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO en abril de 2023.

OS CÓMPLICES

O señor Lage Tuñas non pode asinar resolucións sen a necesaria colaboración de distintos responsables (o 99% na situación de COMISIÓN DE SERVIZO renovada cando se considera... ou non, porque tamén houbo castigos...). Estes colaboradores necesarios son os que avalaron todos os procesos opacos (o afirma  a sentenza 00058/2022 do Xulgado do Contencioso nº 4) e que deron lugar a un dos maiores empobrecementos en materia de provisión de postos dende que existe a RPT no Concello da Coruña (2008), con máis de 200 CS no seu haber, con procesos paralizados sine die e outros sen data programada.

Aquí deixámosvos unha gráfica da evolución das COMISIÓNS DE SERVIZO e das nosas denuncias que deixa unha herdanza de difícil xestión.