Vigo acolleu a primeira das asembleas informativas da campaña nacional sobre o TTIP que continúa este martes día 3 en Ferrol

 
A CIG celebrou este mércores en Vigo a primeira das asembleas previstas na campaña nacional de divulgación e explicación dos contidos e das consecuencias do Tratado Transatántico de Comercio e Investimento (TTIP) que están a negociar os estados de América do Norte (EEUU e Canadá) e a Unión Europea. Dende a central sosteñen que se trata dun acordo de libre comercio que suporá un golpe do capital no saqueo á clase traballadora e un ataque á soberanía dos estados, ademais de constituír un retroceso sen precedentes nos dereitos laborais, económicos, sociais e ambientais.
2015 01 28 AsembleaInformativaTTIPVigo03
 

(Galería de imaxes)

No acto celebrado no local do sindicato na cidade -que foi presentado polo secretario comarcal, Alberte Gonçalves- interviron o director da Fundación Moncho Reboiras, Manuel Mera: o secretario comarcal da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira; e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Antolín Alcántara.

O máximo responsábel da CIG-Vigo lembrou que a asemblea enmárcase nunha campaña nacional que vén de poñer en marcha o sindicato nacionalista e que inclúe actos informativos nas sete cidades galegas. Gonçalves denunciou que o acordo está a ser negociado de xeito oscurantista “en centros de decisión cada vez máis afastados de nós” e advertiu que a pesar de tratarse dun acordo comercial “vai afectar tamén aos convenios colectivos e ás condicións de traballo”.

Neste senso, incidiu en que é máis que un simple tratado de libre comercio, xa que modifica a normativa xa existente en materia laboral, social e mesmo ambiental. “Trátase dun novo golpe do capital no saqueo á clase traballadora, e polo tanto hai que inserilo no marco da loita de clases”.

Un novo paso na globalización

 

Pola súa banda, o director da Fundación Moncho Reboiras definou o TTIP como un novo paso no proceso de globalización que favorece as grandes corporacións e que afogará as pequenas empresas e territorios. “Suporá máis dificultades para o noso país, xa que non imos poder competir”, vaticina.

Finalmente, salientou o carácter xeoestratéxico do acordo e o feito de que incorpore cláusulas en tres sentidos: aranceis cero, incidencia sobre a normativa e garantías de investimento para o capital.

Manuel G. Moreira, secretario comarcal da CIG-Saúde, aproveitou a comparecencia para analizar o contido do Acordo sobre Comercio Internacional de Servizos (TISA) e como vai afectar á sanidade pública. Segundo manifestou, o obxectivo deste tratado é regular o acceso ao mercado para favorecer as grandes empresas, eliminando dereitos e obstáculos, baixa a perspectiva de que os servizos públicos son unha parte máis do negocio.

“Pretenden desregular os servizos públicos, e no caso da sanidade queren romper a sanidade pública para que sexan as empresas as que presten os servizos, primeiro con financiación do estado e logo coa dos propios/as traballadores/as”. Como exemplo citou o mercado farmacéutico, do que dixo que vai ser regulado como unha actividade comercial máis, “perdéndose o control sobre el”.

Ao mesmo tempo, sostén que con este acordo buscan tamén garantir os investimentos feitos até o de agora na privatización da saniadade, “para garantilos ante posíbeis cambios de goberno”. Moreira lembrou que na actualidade a sanidade é concibida como un dereito que regulan os estados e que se fiancia cos impostos, “pero xa dende 2012 vemos como paga máis quen máis a usa”.

“A partir da entrada en vigor so acordo a sanidade vai ser considerada un negocio máis en mans das empresas e van ser os traballadores/as os que a sufraguen, polo que as persoas que teñan un salario disporán de asistencia sanitaria, e as que non terán unha sanidade de segunda subsidiada polo estado”. Finalmente, apostou pola “información e a organización” como único xeito de facerlle frente a este tipo de acordos.

Unifican normas para favorecer o capital

O secretario confederal de Negociación Colectiva foi o encargado de pechar as intervencións. Antolín Alcántara comezou asegurando que detrás destes tratados agóchase tamén un intento por desregularizar aínda máis as condicións laborais, polo que a súa entrada en vigor suporá unha perda de dereitos conquistados ao longo dos anos.

“A UE é capaz de unificar normas para favorecer o capital, pero non fai o mesmo cos dereitos das persoas, xa que non unifica por exemplo o salario mínimo, o acceso á sanidade, etc”. Na súa opinión, o único que persiguen cos este tipo de acordos é permitir a acumulación de capital de xeito máis rápido.

Para rematar, Alcántara sinalou a soberanía dos países como “único antídoto” contra estes tratados, “xa que queren países que non sexan soberanos para que non poidan decidir, como está a pasarlle ao propio Estado español, que está ceder decisións vitais a Bruxelas para favorecer o capital”.

Vídeo da intervención de Alberte Gonçalves

Vídeo da intervención de Manuel Mera

Vídeo da intervención de Manuel G. Moreira

Vídeo da intervención de Antolín Alcántara