Seixo, que participou na concentración celebrada en Compostela, lembrou que está previsto que o CETA –un tratado de características similares ao TTIP, negociado entre Canadá e a UE- vaia a debate no parlamento Europeo en decembro deste ano. “O que ocorra con este tratado pode ser bastante determinante para o que suceda despois co TTIP xa que o contido de ambos os dous acordos é moi similar e se conseguimos que a maioría dos eurodeputados non o aproben podería implicar que este tamén quedara aparcado de momento”, sinalou.
Para o secretario xeral da CIG o TTIP hai que inserilo no espírito das políticas de liberalización do comercio e dos investimentos a nivel internacional da Organización Mundial de Comercio (OMC), que pretendía facilitar a entrada das empresas multinacionais nos mercados de todo o mundo eliminando as trabas existentes. “Como iso atopou moitas dificultades pola oposición de moitos países, sobre todo do terceiro mundo, e provocou infinidade de mobilizacións sociais en contra, o que se fai a través destes acordos de carácter bilateral é intentar facer efectivos esas normas de liberalización que pretendía a OMC por esta vía”.
A isto engadiu que para evitar que se estabelezan medidas proteccionistas por parte dos estados, con estes acordos créase un mecanismo de Resolución de Disputas entre Investidores e Estados (ISDS). Un órgano de arbitraxe ao que poderán recorrer as multinacionais para demandar os estados se ven prexudicados os seus intereses polas decisións que os gobernos adopten en calquera materia. “É determinante, porque a través dese mecanismo o que buscan precisamente é que calquera intento que poida haber por parte dun goberno dun estado para defender os seus intereses o teña moi difícil”.
Parello a isto, estes tratados prevén a creación do chamado “Consello de Cooperación Reguladora”. Un órgano permanente encargado de harmonizar a lexislación e a normativa xa existente que poderá reducir ás cotas máis baixas posíbeis de exixencia os estándares de dereitos en materia laboral, de saúde, mediomabiental… “Trátase de institucionalizar os mecanismos a través dos que as grandes empresas multinacionais poidan incidir e de dificultar que os estados poidan facer novas regulacións que poñan en cuestión a rendibilidade dos seus investimentos”.
De feito Seixo alertou de que ese Consello de Cooperación Reguladora terá capacidade -ao longo do tempo e de forma aínda máis opaca- para ir recortando a regulación en materias como servizos, medioambiente, saúde ou alimentación, que poderían quedar agora á marxe destes tratados pola presión social. “Camiñamos cara un modelo de sociedade no que os estados van ter menos capacidade fronte os intereses das multinacionais”, asegurou.
Xunto a isto denunciou que serán tribunais de arbitraxe internacionais privados os que diriman as cuestións entre empresas e estados. “Son tribunais á marxe dos ordinarios de xustiza e da lexislación dos estados que estarán constituídos por avogados/as de grandes bufetes especializados na materia. Dáse ademais a circunstancia de que eses mesmos avogados que nun momento actúan como tribunal de arbitraxe, logo actúan como avogados de parte das multinacionais co cal xa se pode imaxinar a favor de quen vai ser o seu posicionamento”.
Para o secretario xeral da CIG todo isto supón que o capital transnacional non só vai ter influencia directa nas políticas económicas e laborais senón que mesmo vai institucionalizar uns mecanismos e crear un escenario no que se vai permitir o luxo de ter garantida unha marxe de beneficios en todos os investimentos que faga.
Precariedade laboral
Seixo chamou especialmente a atención sobre as consecuencias que estes tratados terán para as condicións laborais de de vida da clase traballadora. “Van acentuar as políticas xa emprendidas polo FMI, a UE de ir cara unha cada vez maior redución de dereitos, flexibilización e desregulación do mercado laboral”, dixo.
Lembrou que as últimas políticas que se promoveron por parte do PP e do PSOE de reformar o mercado laboral, a reforma da negociación colectiva ou o debate permanente que está introducindo a patronal en materia de folga “pretenden ir reducindo dereitos en materia laboral e de prestacións sociais seguindo o modelo norteamericano”.
Ao seu entender un tratado destas características vai acelerar aínda máis este proceso, porque as propias empresas da UE van presionar moito máis aos gobernos. “Estamos a falar de gobernos que son moi proclives ás súas exixencias, alegando que non poden competir nas mesmas condicións que as multinacionais norteamericanas á hora de vender os seus produtos no mercado europeo, porque parten dunhas condicións laborais e sociais cunhas exixencias moito máis baixas das que hai hoxe na UE”.
Ante isto concluíu que “estes tratados o que van facer é acelerar a tendencia das políticas da UE de recorte de dereitos, desregulación e flexibilización do mercado laboral. Por iso é tan importante que non sexan aprobados”.